Saltar ao contido principal
Modelo 100. Declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas 2019

8.2.6.2.3. Ganancias e perdas patrimoniais dereitos de subscrición

O importe obtido pola transmisión de dereitos de subscrición procedente dos valores admitidos a negociación nalgún dos mercados regulados de valores definidos na Directiva 2004/39/CE terá a cualificación fiscal de ganancia patrimonial para o transmitente no período impositivo en que se realice a transmisión,  e tomarase como período de permanencia o comprendido entre o momento da adquisición do valor de que proceda o dereito e o da transmisión deste último.

Ademais, a ganancia derivada da transmisión de dereitos de subscrición preferente procedentes de valores, tanto admitidos a negociación como non, cuxa titularidade corresponde ao contribuínte, está sometida a retención a un tipo do 19 por 100 sobre o importe obtido na operación ou, no caso de que o obrigado a practicara sexa a entidade depositaria, sobre o importe recibido por esta para a súa entrega ao contribuínte.

Estarán obrigados a reter ou ingresar a conta polo IRPF, a entidade depositaria e, no seu defecto, o intermediario financeiro ou o fedatario público que interviñese na transmisión.

A obriga de practicar retención ou ingreso a conta nacerá no momento en que se formalice a transmisión, calquera que sexan as condicións de cobramento pactadas.

Establécese, así mesmo, unha norma transitoria para determinar o valor de adquisición dos valores admitidos a negociación, deducindo o importe obtido polas transmisións de dereitos de subscrición realizada ata o 31 de decembro de 2016, con excepción do importe de tales dereitos que tributase como ganancia patrimonial.