9.2. Dedución por investimento en empresas de nova ou recente creación
Os contribuíntes poderán deducirse o 30 % das cantidades satisfeitas no período pola subscrición de accións ou participacións en empresas de nova ou recente creación, podendo ademais da achega temporal ao capital, achegar os seus coñecementos empresariais ou profesionais axeitados para o desenvolvemento da entidade en que invisten nos termos que estableza o acordo de investimento entre o contribuínte e a entidade.
A dedución soamente resultará de aplicación respecto das accións ou participacións subscritas a partir do 29 de setembro de 2013 (data de entrada en vigor da Lei 14/2013)
A base máxima de dedución será de 60.000 euros anuais e estará formada polo valor de adquisición das accións ou participacións subscritas.
Non formarán parte da dedución:
-
O importe das accións ou participacións adquiridas co saldo da conta aforro - empresa, na medida que o devandito saldo fose obxecto de dedución.
-
Cantidades satisfeitas pola subscrición de accións ou participacións, cando se practique algunha das deducións establecidas pola súa respectiva Comunidade Autónoma no exercicio das súas competencias no IRPF.
Requisitos da entidade:
-
A entidade debe revestir a forma de sociedade Anónima, Sociedade de responsabilidade limitada, Sociedade Anónima Laboral ou Sociedade de responsabilidade limitada Laboral, e non estar admitida a negociación en ningún mercado organizado. Este requisito deberá cumprirse durante todos os anos de tenza da acción ou participación.
-
Deberá exercer unha actividade económica que conte cos medios persoais e materiais para o desenvolvemento da mesma. En particular, non poderá ter por actividade a xestión dun patrimonio mobiliario ou inmobiliario, en ningún dos períodos impositivos da entidade concluídos con anterioridade á transmisión da participación.
-
O importe da cifra dos fondos propios da entidade non poderá ser superior a 400.000 euros no inicio do período impositivo da mesma en que o contribuínte adquira as accións ou participacións.
Cando a entidade forme parte dun grupo de sociedades, con independencia da residencia e da obriga de formular contas anuais consolidadas, o importe dos fondos propios referirase ao conxunto de entidades pertencentes ao devandito grupo.
Condicións para poder practicar a dedución:
-
As accións ou participacións na entidade deberán adquirirse polo contribuínte ben no momento da constitución daquela ou mediante ampliación de capital efectuada nos tres anos seguintes á devandita constitución e permanecer no seu patrimonio por un prazo superior a tres anos e inferior a doce anos.
-
A participación directa ou indirecta do contribuínte, canda a que posúan na mesma entidade o seu cónxuxe ou calquera persoa unida ao contribuínte por parentesco, en liña recta ou colateral, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao incluído, non pode ser, durante ningún día dos anos naturais de tenza da participación, superior ao 40 %do capital social da entidade ou dos seus dereitos de voto.
-
Que non se trate de accións ou participacións nunha entidade a través da que se exerza a mesma actividade que se viña exercendo anteriormente mediante outra titularidade.
-
Non formará parte da base da dedución o importe das accións ou participacións adquiridas co saldo de contas aforro-empresa na medida de que o devandito saldo fose obxecto de dedución. Teñase en conta que a dedución por contas aforro-empresa foi suprimida a partir do 1 de xaneiro de 2015.
Cando o contribuínte transmita accións ou participacións e opte pola aplicación da exención prevista no apartado 2 do art. 38 da Lei, unicamente formará parte da base da dedución correspondente ás novas accións ou participacións subscritas, a parte do reinvestimento que exceda do importe total obtido na transmisión daquelas . En ningún caso poderase practicar dedución polas novas accións ou participacións mentres as cantidades investidas non superen a citada contía.
Para a práctica da dedución cumprirá obter unha certificación expedida pola entidade indicando o cumprimento pola entidade dos requisitos sinalados anteriormente para a entidade no período impositivo en que se adquiran as accións ou participacións.
Formalización
Consignará o importe con dereito a dedución e NIF da entidade.