Saltar ao contido principal
Patrimonio 2022

3.6. Titularidade dos elementos patrimoniais

A titularidade dos bens e dereitos, así como das cargas, gravames, débedas e obrigas atribuiranse aos suxeitos pasivos segundo as normas sobre titularidade xurídica aplicables en cada caso e en función das probas achegadas por aqueles ou das descubertas pola Administración.

Cando non resulte debidamente acreditada a titularidade dos bens ou dereitos, así como das cargas, gravames, débedas e obrigas, a Administración Tributaria terá dereito a considerar como titular a quen figure como tal nun rexistro fiscal ou outro de carácter público.

Se é o caso, serán de aplicación as normas sobre titularidade xurídica dos bens e dereitos contidos nas disposicións reguladoras do réxime económico do matrimonio, así como nos preceptos da lexislación civil aplicable en cada caso ás relacións patrimoniais entre os membros da familia.

A titularidade dos elementos patrimoniais que, conforme ás disposicións ou pactos reguladores do correspondente réxime económico matrimonial, sexan comúns a ambos os dous cónxuxes, atribuirase por metade a cada un deles , non sendo que se xustifique outra cota de participación. As cargas, gravames, débedas e obrigas atribuiranse ao cónxuxes de acordo co mesmo criterio.

Os bens e dereitos de que sexan titulares as sociedades civís, herdanzas xacentes, comunidades de bens e demais entidades que, carecendo de personalidade xurídica, constitúan unha unidade económica ou un patrimonio separado susceptible de imposición, atribuiranse aos socios comuneiros ou partícipes, segundo as normas aplicables en cada caso e se estas non constasen á Administración, en forma fidedigno, atribuiranse por partes iguais.