1. Introdución
O imposto sobre o patrimonio é un tributo de carácter directo e natureza persoal que grava o patrimonio neto das persoas físicas.
Constitúe o patrimonio neto da persoa física o conxunto de bens e dereitos de contido económico de que a mesma sexa titular, con dedución das cargas e gravames que diminúan o seu valor, así como das débedas e obrigas persoais de que o seu titular deba responder.
O Imposto sobre o Patrimonio aplícase en todo o territorio nacional, sen prexuízo dos réximes tributarios forais de Concerto e Convenio Económico vixentes nos Territorios Históricos do País Vasco e da Comunidade Foral de Navarra, respectivamente.
O imposto sobre o patrimonio é un imposto cuxo rendemento está cedido na súa totalidade ás comunidades autónomas.
Como consecuencia da cesión, as Comunidades Autónomas poderán asumir competencias normativas sobre o mínimo exento, o tipo de gravame e as deducións e bonificacións da cota.
As deducións e bonificacións aprobadas polas Comunidades Autónomas resultarán, en todo caso, compatibles coas establecidas na normativa estatal reguladora do imposto e non poderán supor unha modificación das mesmas.
Estas deducións ou bonificacións autonómicas serán aplicadas con posterioridade ás reguladas pola normativa do Estado. Se as comunidades autónomas non fixesen uso das competencias normativas sobre este imposto, aplicarase, no seu lugar, a normativa do Estado.