Saltar ao contido principal

Desarticulada unha organización criminal internacional que pretendía introducir máis dunha tonelada de cocaína en España

Operación conxunta da Axencia Tributaria e a Policía Nacional

  • Os membros da rede criminal, rexentada dende un pequeno municipio de Asturias, adquirían veleiros para cruzar o océano Atlántico e abastecerse en Sudamérica da substancia estupefaciente que máis tarde introducían en España
  • Doce persoas foron detidas en Asturias, Las Palmas, Madrid, Málaga e Valencia, aos cales se lles bloqueou máis de 100 contas bancarias e incautado máis dunha tonelada de cocaína, tres embarcacións, máis de 200.000 euros en efectivo e preto de 50 empresas que utilizaban para branquexar o diñeiro

4 de novembro de 2022.- Funcionarios de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria, nunha operación conxunta con axentes da Policía Nacional, desarticularon, coa detención de doce persoas, unha organización criminal dedicada presuntamente ao tráfico de cocaína a grande escala mediante veleiros dende Sudamérica ata España. A estrutura criminal, rexentada dende un pequeno municipio de Asturias, adquiría veleiros para cruzar o océano Atlántico e abastecerse da cocaína que máis tarde introducían en España.

Durante a operación incautóuselles máis dunha tonelada de cocaína que viaxaba nun veleiro abordado polo Servizo de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria no pasado mes de setembro, tres embarcacións, máis de 200.000 euros en efectivo e preto de 50 empresas utilizadas para branquexar o diñeiro procedente da venda de estupefacientes. Ademais, bloqueóuselles máis de 100 contas bancarias.

A investigación iniciouse no ano 2018, cando os investigadores detectaron a presenza dunha armazón criminal asentada en España que se dedicaba a introducir cocaína procedente de distintos puntos de Sudamérica. As primeiras indagacións permitiron localizar varias persoas que, dende a illa de Gran Canaria, adquirían veleiros para cruzar o océano Atlántico e abastecerse da cocaína que máis tarde introducían en España.

Posteriores pescudas permitiron coñecer a estrutura completa da organización criminal, chegando a identificar plenamente o seu líder, que estaba implicado en numerosas investigacións levadas a cabo por distintos países europeos. Tal era a súa influencia como líder da organización, que xestionaba tanto a adquisición da droga en Sudamérica coma o seu transporte e distribución por Europa a través de España sen necesidade de desprazarse nin se reunir con outras organizacións. Facíao, concretamente, dende un pequeno municipio asturiano.

Un grupo de contravixilancias para a seguridade da organización

A organización realizaba grandes investimentos en seguridade para tratar de asegurar as súas comunicacións internas e evitar desa forma ser detectados. Tamén facían uso de tecnoloxía punteira, con móbiles de última xeración, e mesmo dispoñían de grupos integrados na organización que realizaban contravixilancias cando se producían reunións.

Ademais, crearan 50 empresas que utilizaban como tapadeiras para o branqueo de diñeiro producido pola venda de droga. Esta rede de empresas encontrábase repartida por todo o territorio español con conexións en Panamá, Colombia e outros países de Europa, nos que facían figurar ‘homes de palla’. A función destes homes de palla era dificultar a identificación real das persoas que eran os verdadeiros responsables das transaccións comerciais destinadas ao branqueo.

Un laboratorio para extraer a droga

Para culminar a investigación levouse a cabo máis dunha decena de rexistros por toda a xeografía española, chegando a desmantelar en Valencia un laboratorio empregado para separar a droga de substancias legais. Con iso extraían o estupefaciente previamente mesturado nos países de orixe para tratar de eludir os controis policiais.

Entre as substancias estupefacientes intervidas encóntranse 1.275 quilogramos de cocaína, 1.140 gramos de marihuana, 100 gramos de hachix, anfetaminas en forma de pastillas e cogomelos alucinóxenos. Tamén se interviñeron tres embarcacións, unha delas de 27 metros de lonxitude valorada en 700.000 euros, nove vehículos de alta gama, 223.000 euros en efectivo, diverso material informático, 44 teléfonos móbiles, dúas armas de fogo e multitude de artigos de xoiaría e reloxos de gama alta.

Filmación do operativo (para descargar o vídeo débese introducir a seguinte dirección web):

https://we.tl/t-nPb7YkFbIZ