Saltar ao contido principal

Incautados máis de dez millóns de cigarros introducidos no porto de Alxeciras procedentes da India

Operación conxunta da Axencia Tributaria e a Policía Nacional

  • Trátase da maior aprehensión nacional de cigarros transportados en colector no que vai de ano
  • Unha persoa resulta investigada en España

19 de agosto de 2022.- Funcionarios de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria, nunha operación conxunta coa Policía Nacional, aprehenderon, no porto de Alxeciras, máis de 10,3 millóns de cigarros de tabaco nun colector procedente da India e tomaron declaración, como investigado non detido, a unha das persoas responsables da empresa que aparecía na documentación marítima.

Os grupos de investigación detectaron un envío procedente da India, que declaraba “sabas e outra roupa de cama”;non obstante, os parámetros deste parecían non se corresponder co manifestado.Iso levantou as sospeitas dos investigadores que levan traballando dende hai meses na detección de tráficos ilícitos e a utilización de empresas instrumentais, polo que se estableceu un dispositivo conxunto para proceder á inspección do colector.

Ao abrir o equipamento, confirmouse que a mercadoría transportada se trataba de 1.032 caixas con cigarros de tabaco, cuxo valor no mercado ascendería a máis de 2.100.000 euros, procedéndose á súa aprehensión e posteriormente, á toma de declaración como investigado non detido dun dos responsables da empresa utilizada no envío marítimo.

Esta operación saldouse coa maior aprehensión realizada no que vai de ano en España de cigarros transportados en colector.

As actuacións realizadas, xunto cos efectos e mercadoría aprehendida, foron postas a disposición da autoridade Xudicial de Alxeciras competente para a súa instrución.

Participaron nas investigacións membros da Unidade Operativa de Vixilancia Aduaneira de Málaga e o Grupo II da UDYCO da Comisaría Local de La Línea de la Concepción, os que continúan coas xestións tendentes á indagación e localización dos responsables do envío ilícito.