Saltar ao contido principal

Intervidos 2.500 quilos de hachix no interior dun terreo de Ayamonte

Operación conxunta da Axencia Tributaria e a Garda Civil

  • Incautada unha pistola, dous cargadores con munición, varias caixas de teléfonos móbiles, tarxetas ‘sim’ e placas de matrícula de cinco vehículos diferentes
  • A organización utilizaba dúas furgonetas subtraídas para o transporte da droga

22 de novembro de 2022.- A Axencia Tributaria e a Garda Civil, nunha operación conxunta, interviñeron 2.415 quilos de hachix ocultos nun terreo de Ayamonte e detiveron unha persoa como presunto autor dun delito contra a saúde pública.

Os feitos producíronse cando na Central da Garda Civil se tivo coñecemento da existencia dunha embarcación semirríxida próxima á costa de Ayamonte (Huelva), dende a cal se podería ter traspasado droga a outras dúas embarcacións que se encontraban tamén na zona.

Por todo iso estableceuse un dispositivo no que participaron funcionarios de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria e varias Unidades da Garda Civil, que acudiron ao lugar onde se produciu o posible desembarco da droga.

Tras inspeccionar a zona localizáronse dúas furgonetas que constaban como subtraídas e que foron utilizadas para o transporte do hachix. Igualmente, foi posible situar o lugar onde podería estar almacenado o estupefaciente, un terreo da localidade de Ayamonte.

Tras solicitar entrada e rexistro do terreo á autoridade xudicial competente por existir indicios do almacenamento da droga, aprehendéronse no interior 69 fardos de hachix, unha pistola, dous cargadores con munición, varias caixas de teléfonos móbiles, tarxetas ‘sim’ e placas de matrícula de cinco vehículos diferentes.

O detido e as dilixencias instruídas serán remitidas ao Xulgado de Instrución nº 2 de Ayamonte.

No dispositivo participaron funcionarios de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria, axentes para a loita contra o narcotráfico OCON-EDOA da Comandancia da Garda Civil de Huelva e a Patrulla Fiscal e de Fronteiras de Ayamonte.

Filmación do operativo (para descargar o vídeo débese introducir a seguinte dirección web):

https://we.tl/t-uOn0sA2S8E