Saltar ao contido principal

A Axencia Tributaria pon en marcha a súa nova web para ofrecer máis axilidade e comodidade ao contribuínte nas súas xestións por Internet

Nova estrutura unificada do portal e a sede electrónica

  • Unha sede electrónica única dará acceso tanto aos servizos de información, como aos trámites, cun novo deseño máis enfocado ao usuario
  • Para facilitar a transición, durante os primeiros meses a web renovada ofrecerase ao usuario exclusivamente desde a páxina tradicional, que pasará a segundo plano en outono e desaparecerá a final de ano
  • A páxina de inicio permite unha rápida visualización de todos os apartados, un acceso rápido ás xestións máis utilizadas e un buscador mellorado para facilitar a localización de contidos

15 de xullo de 2021.- A Axencia Tributaria lanzou hoxe unha nova páxina web que unifica o portal de información e a sede electrónica, de maneira que todos os servizos pasarán a ser accesible baixo unha estrutura temática de contidos – con independencia de que se trate de información ou de trámites – que fai máis cómoda e áxil a navegación para o contribuínte, mellorando así a experiencia do usuario.

Para facilitar a transición na utilización dunha web que anualmente conta con máis de 140 millóns de usuarios únicos e máis de 600 millóns de visitas, durante os primeiros meses a nova páxina só se ofrecerá ao usuario mediante un acceso destacado desde a páxina tradicional, que en outono pasará a segundo plano e desaparecerá a final de ano. En todo caso, a web da Axencia seguirá sendo accesible en todo momento introducindo o enderezo habitual (sede.agenciatributaria.gob.es ).

A Axencia Tributaria quixo esperar á finalización da Campaña de Renda para iniciar este período amplo de transición, reducindo así o impacto sobre unha xeneralidade de usuarios que principalmente se relacionan por vías telemáticas coa Axencia para trámites vinculados coa súa declaración de IRPF.

Melloras de deseño, busca e navegación

A nova web conta cun deseño moderno para facilitar a navegación e unha visión e linguaxe orientada ao usuario, con explicacións e descricións previas ao acceso ás distintas xestións. Preténdese así reforzar a web da Axencia como ferramenta básica para minimizar os custos indirectos do cumprimento tributario para o contribuínte.

Nesa mesma liña de ofrecer sinxeleza e comodidade, irase mellorando o buscador da web para facilitar a localización dos contidos informativos e as xestións que hai que realizar. Ademais, os usuarios terán acceso na propia páxina de inicio á súa área persoal, onde poderán visualizar os seus expedientes, datos censuais, notificacións e documentos pendentes de sinatura.

Xestións destacadas

A páxina de inicio mostra o usuario tres grandes apartados: un bloque de contidos que irá cambiando ao longo do tempo (‘carrusel’, ou ‘slider’), outro cos trámites máis relevantes pola súa importancia e utilización polos contribuíntes (trámites destacados), e un terceiro (información e xestións) estruturado por temas que dá acceso aos distintos trámites e contidos informativos.

No ´carrusel ’, o usuario encontrarase, por exemplo, as campañas de presentación de declaracións máis relevantes en cada momento, ou avisos que se consideren especialmente significativos nunha data determinada.

Os trámites destacados, pola súa banda, agrúpanse en cinco categorías identificadas con distintas iconas gráficas (presentación de declaracións, rexistro electrónico, cita previa, pagamentos e adiamentos, e notificacións enviadas pola Axencia).

Estrutura por temas

O terceiro gran bloque da páxina de inicio está composto por 16 temas que segmentan o acceso á información e os trámites da web, ben por impostos (IRPF, IVE, Sociedades e outros), ben por perfís de contribuíntes (empresarios, empresas, cidadáns, viaxeiros e non residentes) e materias (Aduanas, vehículos e vivenda); ou ben polo tipo de trámite (declaracións informativas, colaboración, censos e débedas).

O obxectivo desta segmentación por temas é facilitar ao usuario un acceso máis cómodo e intuitivo a aqueles contidos que, se é o caso concreto e para cada ocasión, séxanlle de interese. Para iso, ademais, simplificouse a estrutura de navegación, cos contidos xerarquizados por temas, subtemas e información.

Por último, na área superior da páxina de inicio sitúase a información de actualidade (novidades, notas de prensa e estatísticas), e na parte inferior da páxina ofrécense accesos directos a diversas materias de interese, así como un apartado de manuais, vídeos e folletos. Igualmente, mánténse, neste caso durante toda a navegación na nova web, un bloque final de páxina cos avisos legais e de seguridade, os apartados ‘Contacta connosco ’e ‘Axuda’, ligazóns de interese e a data de actualización da páxina.