Saltar ao contido principal

Declaracións de orixe para as exportacións de Ghana á UE no marco do AAE interino UE-GHANA - Información sobre o rexistro dos exportadores ghaneses

A información sobre os exportadores rexistrados en Ghana para os efectos de orixe preferencial é accesible a través da  páxina web do ICUMS (Integrated Customs Management System).

O número de rexistro do exportador consta de 17 caracteres alfanuméricos. Está representado polo prefixo "GHEU" seguido do número de identificación fiscal (NIF ou Tax Identification Number - TIN) ou do número de identificación nacional (National Identification Number - NID) do exportador.

Exemplo con NIF: GHEU00C1234567890.

Exemplo con NID: GHEUGHA1234567890.

Agora ben, seica,  tras a solicitude de rexistro, os exportadores están obtendo unha Declaración de Orixe prescrita da Autoridade de Ingresos de Ghana ou Ghana Revenue Authority (GRA), a través do a páxina web do ICUMS, que se pretende usar como proba de orixe para solicitar o trato arancelario preferencial á importación na UE.

Porén, nin o procedemento nin o documento se axustan ao que se dispón no Protocolo   n.º 1, principalmente no apartado 2 do artigo 17 e no apartado 4 do artigo 21, que esixe que o exportador estenda a declaración de orixe mecanografiando, estampando ou imprimindo na factura, albará ou calquera outro documento comercial a declaración cuxo texto figura no anexo IV do presente Protocolo. Neste caso, a declaración de orixe non esténdea o exportador senón que a expide a  GRA e non se estende nun documento aceptable, polo que deberá ser rexeitada.
 Polo tanto, unicamente serán válidas as declaracións de orixe que estean estendidas de conformidade co apartado 2 do artigo 17 e o artigo 21 do Protocolo  n.º 1, é dicir:

  • estendida polo exportador mecanografiando, estampando ou imprimindo na factura, a orde de entrega ou calquera outro documento comercial, a declaración cuxo texto figura no anexo IV do citado Protocolo, sempre que sexa:

    1. un exportador rexistrado de acordo co procedemento establecido por Ghana;

    2. calquera exportador, sen necesidade de estar rexistrado, para envíos que inclúan mercadorías orixinarias cuxo valor non supere os 6.000 euros.