Saltar ao contido principal
Modelo 100. Declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas 2019

10.1.11. Por axuda doméstica

Poderá deducirse da cota íntegra autonómica o 15 por 100 do importe satisfeito á Seguridade Social correspondente á cotización anual dun empregado ou empregada na parte que corresponda á cota fixa por conta do empregador, cun límite máximo de 250 euros anuais.

Persoa beneficiaria da dedución

A persoa titular do fogar familiar, sempre que constitúa a súa vivenda habitual e que conste na Tesourería Xeral da Seguridade Social pola afiliación en Andalucía ao ao Sistema Especial para Empregados do Fogar do Réxime Xeral da Seguridade Social.

Entenderase por titular do fogar familiar o previsto na normativa reguladora do Réxime Especial da Seguridade Social de Empregados do Fogar e por vivenda habitual a que cumpra os requisitos previstos na normativa estatal do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas.

Requisitos

Deberán concorrer calquera dos seguintes requisitos na data da devindicación do Imposto:

  1. Que ambos os dous cónxuxes ou integrantes da parella de feito, inscrita no Rexistro de Parellas de Feito da Comunidade Autónoma de Andalucía, sexan nais ou pais de fillos que formen parte da unidade familiar, e que ambos os dous perciban rendementos do traballo ou de actividades económicas.

    Neste suposto, poderá aplicar a dedución a persoa titular do fogar familiar ou o seu cónxuxe ou  parella de feito. A dedución non se poderá ratear.

  2. Que os contribuíntes sexan nais ou pais de familia monoparental e perciban rendementos do traballo ou de actividades económicas. Neste caso, a dedución aplicaraa a nai ou o pai titular do fogar familiar.

    Terá a consideración de familia monoparental, a formada pola nai ou o pai e os fillos que convivan cunha ou outro e que reúnen algún dos seguintes requisitos:

    • Fillos menores de idade, con excepción de que, co consentimento dos pais, vivan independentes destes .

    • Fillos maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos a patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

Formalización

Deberá indicar na xanela de captura de datos a seguinte información:

  • As cantidades satisfeitas no período impositivo en concepto de cota fixa no réxime especial da Seguridade Social de empregados do fogar.

  • O Código de Conta de Cotización do empregador.