Saltar ao contido principal
Modelo 100. Declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas 2019

10.9.4. Por alugamento da vivenda habitual

Os contribuíntes poderán deducir o 10 por 100, ata un máximo de 300 euros anuais, das cantidades satisfeitas no período impositivo en concepto de alugamento da vivenda habitual, sempre que cumpran os seguintes requisitos.

Requisitos

  1. Para a aplicación desta dedución deberán de cumprirse algunha das seguintes situacións:

    • Ter 32 anos ou menos na data de devindicación do imposto.

    • Estar no paro durante 183 días ou máis durante o exercicio.

    • Ter un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 por 100.

    • Ser viúvo ou viúva e ter sesenta e cinco anos ou máis.

  2. A base impoñible total, menos o mínimo persoal e familiar, non debe superar a contía de 20.000 euros en tributación individual e 30.000 euros en tributación conxunta. Este requisito é controlado polo programa.

  3. As cantidades satisfeitas en concepto de alugamento deben exceder do 10 por 100 dos rendementos netos. Este requisito é controlado polo programa.

Familias numerosas

No suposto de que os contribuíntes pertenzan a unha familia numerosa o importe máximo deducible elevarase a 600 euros, sen que cumpra neste caso que se cumpran ningunha das situacións establecidas no punto 1 anterior.

Consideraranse familias numerosas as definidas pola Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas.

Tributación conxunta

No caso de tributación conxunta o importe máximo da dedución elévase a 600 euros.

En tributación conxunta abondará que un do cónxuxes cumpra os requisitos esixidos.

Importante:

  1. Unha mesma vivenda non pode dar lugar á aplicación dun importe superior a 600 euros. Polo tanto, se en relación cunha mesma vivenda resultase que máis dun contribuínte ten dereito á dedución, cada un deles poderá aplicar na súa declaración unha dedución polo importe que se obteña de dividir a cantidade resultante da aplicación do 10 por 100 do gasto total ou o límite máximo de 600 euros, se procede, polo número de declarantes con dereito á dedución.

  2. Os contribuíntes deben identificar o arrendador da vivenda facendo constar o seu NIF no recadro correspondente da xanela da dedución por alugamento.

Formalización

A través da xanela de captura de datos o contribuínte fará constar:

  • O importe total satisfeito polo contribuínte titular da dedución polo arrendamento dunha mesma vivenda. O programa admite un máximo de tres vivendas.
  • O número de persoas con dereito a aplicar a dedución por unha mesma vivenda.
  • O NIF do arrendador. Se o arrendador non ten NIF, deberá consignar o Número de Identificación no país de residencia.
  • Marcarase cunha "X"se estivo no paro máis de 183 días durante o exercicio 2018.
  • Se o titular da dedución forma parte dunha familia numerosa consignarase "X" no recadro correspondente.

Nota: No caso de matrimonios en réxime económico de gananciais cando o contrato de alugamento só estea a nome dun do cónxuxes, os declarantes poderán optar entre aplicarse o 50% da dedución cada un deles , ou ben aplicar o 100% da dedución o titular do contrato.

O programa trasladará os datos incluídos  ao anexo B6 da declaración.