Saltar ao contido principal
Modelo 100. Declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas 2019

7.4.1.1. Concepto de actividades económicas

Consideraranse rendementos íntegros de actividades económicas aqueles que, procedendo do traballo persoal e do capital conxuntamente, ou dun só destes factores, supoñan por parte do contribuínte a ordenación por conta propia de medios de produción e de recursos humanos ou dun de ambos os dous, coa finalidade de intervir na produción ou distribución de bens ou servizos.

En particular, teñen esta consideración os rendementos das actividades extractivas, de fabricación, comercio ou prestación de servizos, incluídas as de artesanía, agrícolas, forestais, gandeiras, pesqueiras, de construción, mineiras, e o exercicio de profesións liberais, artísticas e deportivas.

Arrendamento de inmobles (art.27.2 Lei)

Entenderase que o arrendamento de inmobles se realiza como actividade económica, cando se utilice, polo menos, unha persoa empregada con contrato laboral e a tempo completo.

Cursos, conferencias, coloquios, seminarios e similares (art. 17.3 Lei)

Os rendementos derivados de impartir cursos, conferencias, coloquios, seminarios e similares, considéranse, como regra xeral, rendementos do traballo, non sendo que supoñan a ordenación por conta propia de medios de produción e de recursos humanos ou dun de ambos os dous, coa finalidade de intervir na produción ou distribución de bens ou servizos, en cuxo caso cualificaranse como rendementos de actividades económicas.

Obras literarias, artísticas ou científicas (art. 17.3 Lei)

Os rendementos derivados da elaboración de obras literarias, artísticas ou científicas, considéranse, como regra xeral, rendementos do traballo, sempre que se ceda o dereito á súa explotación, e non supoña a ordenación por conta propia de medios de produción e de recursos humanos ou dun de ambos os dous, coa finalidade de intervir na produción ou distribución de bens ou servizos, en cuxo caso cualificaranse como rendementos de actividades económicas.

Relacións laborais de carácter especial (art. 17.3 Lei)

As retribucións derivadas de relacións laborais de carácter especial considéranse, como regra xeral, rendementos do traballo.

Non obstante, cando os rendementos derivados da relación laboral especial dos artistas en espectáculos públicos e da relación laboral especial das persoas que interveñan en operacións mercantís por conta dun ou máis empresarios sen asumir o risco e ventura daquelas , supoñan a ordenación por conta propia de medios de produción e de recursos humanos ou dun de ambos os dous, coa finalidade de intervir na produción ou distribución de bens ou servizos, cualificaranse como rendementos de actividades económicas.