Saltar ao contido principal
Modelo 100. Declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas 2019

7.4.1.4. Obrigas contables e rexistrais

Obrigas contables e rexistrais

As obrigas contables e rexistrais dos contribuíntes que desenvolven actividades económicas dependen do réxime ou modalidade de determinación do rendemento neto:

Estimación directa: modalidade normal

Estimación directa: modalidade simplificada

Estimación obxectiva

Estimación directa: modalidade normal

  1. Actividades empresariais con carácter mercantil 

    Os contribuíntes que desenvolvan actividades empresariais que teñan carácter mercantil cuxo rendemento se determine na modalidade normal do réxime de estimación directa, estarán obrigados a levar contabilidade axustada ao que se dispón no Código de Comercio.

  2. Actividades empresariais sen carácter mercantil

    Cando a actividade empresarial realizada non teña carácter mercantil, de acordo co Código de Comercio, o contribuínte terá que levar os seguintes libros rexistros:

    1. Libro rexistro de vendas e ingresos.

    2. Libro rexistro de compras e gastos.

    3. Libro rexistro de bens de investimento.

    O artigo 326.2 e 3 do Código de Comercio dispón que non se reputarán mercantís as vendas que fixesen os propietarios e os labradores ou gandeiros dos froitos ou produtos das súas colleitas ou gañado, ou das especies en que se lles paguen as rendas, nin as vendas que dos obxectos construídos ou fabricados polos artesáns fixeren estes nos seus talleres.

    Polo tanto, cumprindo as condicións expostas, non teñen carácter mercantil as actividades agrícolas, gandeiras, forestais e de artesanía.

  3. Actividades profesionais

    Os contribuíntes que exerzan actividades profesionais cuxo rendemento se determine en réxime de estimación directa, en calquera das súas modalidades, estarán obrigados a levar os seguintes libros rexistros:

    1. Libro rexistro de ingresos.

    2. Libro rexistro de gastos.

    3. Libro rexistro de bens de investimento.

    4. Libro rexistro de provisións de fondos e suplidos.

Estimación directa: modalidade simplificada

  1. Actividades empresariais

    Os contribuíntes que desenvolvan actividades empresariais (teñan ou non carácter mercantil), cuxo rendemento se determine na modalidade simplificada do réxime de estimación directa, terán que levar os seguintes libros rexistros:

    1. Libro rexistro de vendas e ingresos.

    2. Libro rexistro de compras e gastos.

    3. Libro rexistro de bens de investimento.

  2. Actividades profesionais

    Os contribuíntes que exerzan actividades profesionais cuxo rendemento se determine en réxime de estimación directa, en calquera das súas modalidades, estarán obrigados a levar os seguintes libros rexistros:

    1. Libro rexistro de ingresos.

    2. Libro rexistro de gastos.

    3. Libro rexistro de bens de investimento.

    4. Libro rexistro de provisións de fondos e suplidos.

Estimación obxectiva

  • Libro rexistro de bens de investimento

Os contribuíntes acollidos ao réxime de estimación obxectiva que deduzan amortizacións estarán obrigados a levar un Libro rexistro de bens de investimento.

  • Actividades agrícolas, gandeiras e forestais

Os contribuíntes que desenvolvan actividades agrícolas, gandeiras ou forestais acollidas ao réxime de estimación obxectiva, cuxo rendemento neto se determina tendo en conta o volume de operacións, terán que levar, ademais, un Libro rexistro de vendas ou ingresos.

Opción pola contabilidade axustada ao Código de Comercio

Aqueles  contribuíntes que non estando obrigados a levar contabilidade axustada ao Código de Comercio lévena voluntariamente terán que levar ademais os libros rexistros que en cada caso determine a normativa de IRPF.

Conservación das facturas e xustificantes

Os contribuíntes do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas estarán obrigados a conservar, durante o prazo máximo de prescrición, os xustificantes e documentos acreditativos das operacións, rendas, gastos, ingresos, reducións e deducións de calquera tipo que deban constar nas súas declaracións, a achegaros xuntamente coas declaracións e comunicacións do Imposto, cando así se estableza e a exhibiros ante os órganos competentes da Administración tributaria, cando sexan requiridos para ese fin.

Obriga de conservar facturas e xustificantes en estimación obxectiva

Os contribuíntes que desenvolvan actividades económicas que determinen o seu rendemento neto mediante o réxime de estimación obxectiva deberán conservar, numeradas por orde de datas e agrupadas por trimestres, as facturas emitidas de acordo ao previsto no Real decreto  1619/2012  polo que se regulan as obrigas de facturación.

Igualmente, deberán conservar os xustificantes dos signos, índices ou módulos aplicados de conformidade co que, se é o caso, prevexa a Orde ministerial que os aprobe.

Entidades en réxime de atribución de rendas

As entidades en réxime de atribución de rendas que desenvolvan actividades económicas levarán uns únicos Libros obrigatorios correspondentes á actividade realizada, sen prexuízo da atribución de rendementos que corresponda efectuar en relación cos seus socios, herdeiros, comuneiros ou partícipes.