Saltar ao contido principal
Modelo 100. Declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas 2019

Arrendamentos e canons

Comprende esta rúbrica os gastos orixinados polo alugamento de bens mobles ou inmobles, así como as cantidades satisfeitas polo dereito de uso de patentes, marcas e demais manifestacións da propiedade industrial.

Contraprestacións satisfeitas a outros membros da unidade familiar (art. 30.3ª Lei)

Cando o cónxuxe ou os fillos menores do contribuínte que convivan con el, realicen cesións de bens ou dereitos (sempre que non sexan bens ou dereitos comúns a ambos os dous cónxuxes) que sirvan ao obxecto da actividade empresarial, poderase deducir para a determinación do rendemento da actividade a contraprestación estipulada, se non excede do valor de mercado. A falta de contraprestación estipulada poderá deducirse o valor de mercado.

A contraprestación ou o valor de mercado consideraranse rendementos de capital do cónxuxe ou os fillos menores a todos os efectos tributarios.

Contratos de arrendamento financeiro

Establécese un réxime fiscal específico para os contratos de arrendamento financeiro  en que se dean os seguintes requisitos:

  • Que o arrendador sexa unha entidade de crédito ou un establecemento financeiro de crédito. 
  • Que teñan unha duración mínima de 2 anos cando teñan por obxecto bens mobles e de 10 anos cando teñan por obxecto bens inmobles ou establecementos industriais.
  • Que as cotas de arrendamento financeiro aparezan expresadas nos respectivos contratos diferenciando a parte que corresponda á recuperación do custo do ben pola entidade arrendadora, excluído o valor da opción de compra e a carga financeira esixida por ela todo iso sen prexuízo da aplicación do gravame indirecto que corresponda.
  • Que o importe anual da parte das cotas de arrendamento financeiro correspondente á recuperación do custo do ben debe permanecer igual ou ter carácter crecente ao longo do  período  contractual.

Cumpridos estes requisitos poderase deducir:

  1. A totalidade da parte das cotas correspondentes á carga financeira satisfeita á  entidade arrendadora ten a consideración de gasto fiscalmente deducible.
  2. A parte das cotas de arrendamento financeiro satisfeitas á entidade arrendadora que  corresponda á recuperación do custo do ben ten a consideración de gasto deducible  coas dúas limitacións seguintes:
    1. A cantidade deducible non poderá ser superior ao resultado de aplicar ao custo do ben o  dobre do coeficiente de amortización lineal máximo segundo as táboas de amortización oficialmente  aprobadas (o coeficiente multiplicarase por tres no caso de contribuíntes que teñan a consideración fiscal de empresa de reducida dimensión).
    2. No suposto de que o obxecto do contrato sexa terreos, solares e outros activos non amortizables, esta parte da cota non constitúe gasto deducible. No caso de que tal condición concorra só nunha parte do ben obxecto da operación, poderá deducirse unicamente a proporción que corresponda aos elementos susceptibles de amortización, que deberá ser expresada diferenciadamente no respectivo contrato.