Saltar ao contido principal
Modelo 100. Declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas 2019

7.4.2.5. Redución para traballadores autónomos economicamente dependentes ou con único cliente non vinculado

Redución para traballadores autónomos economicamente dependentes ou cun único cliente non vinculado (Art 32.2.1º e 2º da Lei)

Contía

Con carácter xeral, a contía da redución será de 2000 euros.

Adicionalmente, o rendemento neto destas actividades económicas minorarase nas seguintes contías:

  1. Cando os rendementos netos de actividades económicas sexan inferiores a 14.450 euros, sempre que non teñan  rendas, excluídas as exentas, distintas das de actividades económicas superiores a 6.500 euros:

    • Contribuíntes con rendementos netos de actividades económicas iguais ou inferiores a 11.250 euros: 3.700 euros anuais.

    • Contribuíntes con rendementos netos de actividades económicas comprendidos entre 11.250 e 14.450 euros: 3.700 euros menos o resultado de multiplicar por 1,15625 a diferenza entre o rendemento de actividades económicas e 11.250 euros anuais.

  2. Cando se trate de persoas con discapacidade que obteñan rendementos netos derivados do exercicio efectivo destas actividades económicas, 3.500 euros anuais. A devandita redución será de 7.750 euros anuais, para as persoas con discapacidade que exerzan de forma efectiva estas actividades económicas e acrediten necesitar axuda de terceiras persoas ou mobilidade reducida, ou un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 por cento.

    Como consecuencia da aplicación desta redución, o saldo resultante non poderá ser negativo.

Requisitos

  1. O rendemento neto deberá determinarse de acordo co método de estimación directa. Non obstante, se se determina de acordo coa modalidade simplificada do método de estimación directa, a redución será incompatible coa aplicación do 5 por 100 deducible (cunha contía máxima de 2000 euros) polo  conxunto   de provisións e gastos de difícil xustificación, neste caso o programa aplicará a contía máis favorable.

  2. A totalidade das súas entregas de bens ou prestacións de servizos deben efectuarse a única persoa, física ou xurídica, non vinculada nos termos do artigo 18 do texto refundido da Lei do Imposto sobre Sociedades, ou que o contribuínte teña a consideración de traballador autónomo economicamente dependente conforme ao que se dispón na  Lei  20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, e o cliente de que dependa economicamente non sexa unha entidade vinculada.

  3. O conxunto de gastos deducibles correspondentes a todas as súas actividades económicas non pode exceder do 30 por cento dos seus rendementos íntegros declarados.
  4. Deberán cumprirse durante o período impositivo todas as obrigas formais e de información, control e verificación que regulamentariamente se determinen.

  5. Que non se perciban rendementos do traballo no período impositivo. Non obstante, non se entenderá que se incumpre este requisito cando se perciban durante o período impositivas prestacións por desemprego ou calquera das prestacións previstas na letra a) do artigo 17.2, sempre que o seu importe non sexa superior a 4.000 euros.

  6. Que polo menos o 70 por cento dos ingresos do período impositivo estean suxeitos a retención ou ingreso a conta.

  7. Que non realice actividade económica algunha a través de entidades en atribución de rendas.

Incompatibilidade

A redución para traballadores autónomos economicamente dependentes ou con único cliente  non vinculado e redución para contribuíntes con rendas non exentas inferiores a 12.000 euros  son incompatibles entre si.

Tributación conxunta

Cando o contribuínte opte pola tributación conxunta, terá dereito á redución cando individualmente cumpra cos requisitos. Neste caso, a contía da redución a computar na declaración conxunta será única e calcularase tendo en conta as rendas da unidade familiar, sen que o seu importe poida ser superior ao rendemento neto das actividades económicas dos membros da unidade familiar que cumpran individualmente os citados requisitos.