Saltar ao contido principal
Modelo 100. Declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas 2019

8.2.3.1. Accións e participacións admitidas a negociación en mercados oficiais

Cando a alteración no valor do patrimonio proceda da transmisión a título oneroso de valores admitidos a negociación nalgún dos mercados secundarios oficiais de valores definidos na Directiva 2004/39/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de abril de 2004, relativa aos mercados de instrumentos financeiros, e representativos da participación en fondos propios de sociedades ou entidades, a ganancia ou perda computarase pola diferenza entre o seu valor de adquisición e o valor de transmisión, determinado pola súa cotización nos devanditos mercados na data en que se produza aquela ou polo prezo pactado cando sexa superior á cotización.

O valor de adquisición minorarase no importe obtido polas transmisións de dereitos de subscrición realizada con anterioridade a 1 de xaneiro de 2017, con excepción do importe de tales dereitos que tributase como ganancia patrimonial.

Cando non se transmita a totalidade dos dereitos de subscrición, entenderase que os transmitidos corresponden aos valores adquiridos en primeiro lugar (art. 37.2 Lei).

Dereitos de subscrición

A partir do 1 de xaneiro de 2017 o importe obtido pola transmisión de dereitos de subscrición terá a consideración de ganancia patrimonial para o transmitente no período impositivo en que se produza a citada transmisión.

Accións liberadas

  1. Accións totalmente liberadas

    Cando se trate de accións totalmente liberadas, o valor de adquisición tanto destas como de que procedan resultará de repartir o custo total entre o número de títulos, tanto os antigos coma os liberados que correspondan; e considerarase como antigüidade das mesmas a que corresponda ás accións das que procedan (art.37.2 Lei).

  2. Accións parcialmente liberadas

    Cando se trate de accións parcialmente liberadas, o seu valor de adquisición será o importe realmente satisfeito polo contribuínte e a súa antigüidade será a que corresponda segundo a data da entrega.

Distribución da prima de emisión de accións  e redución de capital con devolución de achegas 

No caso de distribución da prima de emisión de accións ou participacións, ou de redución de capital que teña por finalidade a  devolución de achegas (art. 33.3.a) Lei), o importe obtido minorará, ata a súa anulación, o valor de adquisición das accións ou participacións afectadas e o exceso que, se é o caso, resulte tributará como rendemento de capital mobiliaria. Se a redución de capital procede de beneficios non distribuídos, a totalidade das cantidades percibidas por este concepto tributarán de acordo co previsto no apartado 1º do artigo 25.1.a) da Lei.