Saltar ao contido principal
Modelo 100. Declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas 2019

9.8.2.2.1. Normas comúns

Límite máximo conxunto

Os límites de dedución aplícanse sobre a cota que resulte de minorar a suma das cotas íntegras estatais e autonómica no importe total  das deducións por investimento en vivenda habitual, da dedución por investimento en empresas de nova ou recente creación e por actuacións para  a protección e difusión do Patrimonio Histórico Español e do Patrimonio Mundial. O importe das deducións, excluída a dedución por gastos execución dunha produción estranxeira de longametraxes cinematográficas ou de obras audiovisuais, non poderán exceder conxuntamente do 25 %.

Non obstante, este límite elévase ao 50 %cando os importes das deducións por actividades de investigación científica e innovación tecnolóxica  que correspondan a gastos e investimentos efectuados no propio período impositivo, excedan do 10 por 100 desa mesma cota.

Cando existan saldos pendentes de exercicios anteriores o límite que proceda aplicarase ás deducións do exercicio e aos saldos de exercicios anteriores.

Estes límites son calculados e aplicados polo programa.

Cantidades non deducidas

As cantidades correspondentes ao período impositivo non deducidas por exceder do límite máximo, poderán aplicarse, respectando os mesmos límites, nas liquidacións dos períodos impositivos que conclúan nos quince anos inmediatos e sucesivos.

Non obstante, as cantidades correspondentes ás deducións por actividades de investigación científica e innovación tecnolóxica e para o fomento das tecnoloxías da información e da comunicación poderán aplicarse nas liquidacións dos períodos impositivos que conclúan nos dezaoito anos inmediatos e sucesivos

Mantemento do investimento

Os elementos patrimoniais afectos ás deducións previstas nos artigos 35 a 39 da Lei do Imposto sobre Sociedades, deberán permanecer en funcionamento durante cinco anos, ou tres se se trata de bens mobles, ou durante a súa vida útil se for inferior.

Conxuntamente coa cota correspondente ao período impositivo en que se manifeste o incumprimento deste requisito, ingresarase a cantidade deducida, ademais dos xuros de mora.

Dedución única por investimento

Un mesmo investimento non poderá dar lugar á aplicación da dedución en máis dunha persoa ou entidade.

Formalización

O cálculo das deducións por investimento empresarial non é realizado polo programa.

Para os efectos da formalización, en cada dedución abrirase unha xanela de captura de datos en que deberá facilitar o importe da dedución, non do investimento , e o importe que desexa aplicar, este último poderá ser inferior se na declaración de 2019 non desexa aplicar a totalidade.

O programa aplicará o importe facilitado sempre que non exceda dos límites máximos establecidos. Se o importe indicado excede do límite aplicable aplicarase este último.