10.15.1. Por nacemento, adopción ou acollemento familiar
Contía
- 270 euros por cada fillo nado ou adoptado durante o período impositivo.
- 270 euros por cada acollido nos supostos de acollemento familiar simple ou permanente, administrativo ou xudicial durante o período impositivo.
Requisitos
- Que o fillo ou o acollido dean dereito á aplicación do mínimo por descendentes
- Que a suma da base liquidable xeral e da base liquidable do aforro do contribuínte non sexa superior a 25.000 euros, en tributación individual, ou a 40.000 euros, en tributación conxunta. Este requisito será controlado polo programa.
Límite
O importe íntegro da dedución soa será aplicable aos contribuíntes cuxa suma da base liquidable xeral e da base liquidable do aforro sexa inferior a 23.000 euros en tributación individual, ou inferior a 37.000 euros, en tributación conxunta.
Cando a suma da base liquidable xeral e da base liquidable do aforro estea comprendida entre 23.000 e 25.000 euros en tributación individual, ou entre 37.000 e 40.000 euros en tributación conxunta, os importes e límites de dedución serán os seguintes:
-
En tributación individual, o resultado de multiplicar o importe ou límite de dedución por unha porcentaxe obtida da aplicación da seguinte fórmula: 100 X (1 – o coeficiente resultante de dividir por 2000 a diferenza entre a suma da base liquidable xeral e do aforro do contribuínte e 23.000)
-
En tributación conxunta, o resultado de multiplicar o importe ou límite de dedución por unha porcentaxe obtida da aplicación da seguinte fórmula: 100 X (1 – o coeficiente resultante de dividir por 3.000 a diferenza entre a suma da base liquidable xeral e do aforro do contribuínte e 37.000)
Esta dedución é compatible coa dedución por nacemento ou adopción múltiple, coa dedución por nacemento ou adopción de fillo con discapacidade e a dedución por familia numerosa.
Cando ambos os dous proxenitores ou adoptantes teñan dereito á aplicación desta dedución, o seu importe ratearase entre eles por partes iguais.
Esta dedución pode ser aplicada tamén nos dous exercicios posteriores ao do nacemento ou adopción.
Formalización
-
En caso de matrimonio e se ambos os dous cónxuxes teñen dereito á dedución, deberá indicar no recadro "Común" o número de fillos nados ou adoptados.
Noutro caso, o número de fillos nados ou adoptados reflectirase no recadro "do Titular ". Neste suposto deberá cubrir, adicionalmente, o número de persoas que teñen dereito a aplicar a dedución con respecto a eses fillos, reflectindo nela un 1 se o dereito á dedución corresponde só ao contribuínte ou un 2 se hai dous proxenitores con dereito á mesma. Cubriranse nos primeiros recadros os fillos nados ou adoptados no exercicio e nas seguintes os nados ou adoptados dos dous exercicios anteriores.
-
Para o caso de menores en situación de acollemento deberá consignar se ambos os dous cónxuxes teñen dereito á dedución, no recadro "Común" o número de menores acollidos. Noutro caso, o número de menores en acollemento reflectirase no recadro "do Titular ".
Se o acollemento non é de todo o exercicio deberá indicar na declaración o número de días e a cantidade de menores en situación de acollemento. Só deberase indicar, en calquera dos casos, os menores en situación de acollemento que estean vixentes na data de devindicación do imposto, normalmente a 31 de decembro.