Saltar ao contido principal
Modelo 100. Declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas 2021

10.11.17. Por obras de mellora de eficiencia enerxética en edificios de vivendas ou en vivendas unifamiliares

Os contribuíntes poderán deducir no exercicio en que se finalice a obra de mellora de eficiencia enerxética dos inmobles de uso residencial vivenda : (non resulta aplicable aos inmobles destinados a despachos profesionais ou ao exercicio de actividades económicas)

  • O 15 % das cantidades totais investidas.

    A base da dedución terá como límite 9.000 € por suxeito pasivo. Se houbese dous contribuíntes que xerasen o dereito á dedución, a base da dedución para cada un deles non podería superar 9.000 euros. A base non poderá exceder do resultado de aplicar a porcentaxe de titularidade no inmoble ao importe total investido.

    A base estará constituída polas cantidades efectivamente satisfeitas nas obras de mellora de eficiencia enerxética en edificios de vivendas ou en vivendas unifamiliares, mediante tarxeta de crédito ou débito, transferencia bancaria, cheque nominativo ou ingreso en contas en entidades de crédito.

    En ningún caso darán dereito a practicar esta dedución as cantidades satisfeitas mediante entregas de diñeiro de curso legal.

  • O custo dos honorarios para a obtención do certificado que xustifique o salto de letra na cualificación enerxética do inmoble, así como as taxas relacionadas coa súa inscrición no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia, cun límite único por certificado e inscrición de 150 €. Tanto este límite como o importe dos honorarios teñen que ratearse en función da porcentaxe de titularidade na vivenda.

Requisitos e condicións

  1. Considéranse obras de mellora de eficiencia enerxética as que cumpran os seguintes requisitos:

    • Que dispoñan dos permisos, autorizacións ou títulos habilitantes correspondentes.

    • Que melloren o comportamento enerxético das edificacións reducindo a demanda enerxética, mellorando o rendemento das instalacións térmicas e / ou incorporando equipos que utilicen fontes de enerxía renovable e que teñan por obxecto principal subir unha letra na escala de cualificación enerxética de emisións de CO2 e na escala de consumo de enerxía primaria non renovable.

  2. Deberá presentarse, antes de que expire o prazo para presentar a autoliquidación correspondente ao período impositivo en que se finalice a obra de mellora enerxética obxecto de dedución, a través da plataforma electrónica do Rexistro de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia:

    • Certificado de eficiencia enerxética do edificio, unha vez executadas as obras que dan lugar a esta dedución, que debe estar inscrito no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia.

    • Informe asinado por un técnico competente que xustifique o salto de letra conseguido coas melloras, segundo o modelo que conste no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia.

    • A totalidade das facturas correspondentes ás obras de mellora de eficiencia enerxética obxecto de dedución, así como as relativas á obtención do certificado de eficiencia enerxética.

    • Os xustificantes de pagamento destas facturas.

    Se o investimento se realiza nunha vivenda unifamiliar, esta documentación será achegada polo suxeito pasivo.

    Se é en edificios en réxime de propiedade horizontal, será achegada polo representante legal da comunidade de propietarios, que, ademais, deberá anexar un certificado das achegas económicas correspondentes a cada comuneiro.

  3. Deberá constar na declaración tributaria do suxeito pasivo o número de inscrición do certificado de eficiencia enerxética tras a reforma no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia, proporcionado polo propio Rexistro na etiqueta de eficiencia enerxética do inmoble.

  4. A dedución só é aplicable polo propietario do inmoble que satisfaga o importe das obras non  podendo aplicara o usufrutuario do inmoble nin o arrendatario, aínda que satisfagan a totalidade ou unha parte do importe das obras.

  5. A xustificación das cantidades satisfeitas polo contribuínte ten que realizarse mediante as facturas correspondentes ás obras realizadas e só poderá aplicar a dedución a persoa en cuxo favor se expidan, agás no caso de edificios en réxime de propiedade horizontal.

    No caso de comunidade de bens ou réxime de sociedade legal de gananciais, imputarase a aquel a cuxo nome estea a factura non sendo que se demostre que foi paga con cargo á renda dos comuneiros ou da sociedade de gananciais. No caso de que o investimento realícese nunha vivenda unifamiliar, esta documentación será achegada polo contribuínte.

Incompatibilidades

Esta dedución é incompatible, sobre as mesmas cantidades investidas, coa prevista por investimento en instalacións de climatización e / ou auga quente sanitaria que empreguen enerxías renovables na vivenda habitual e destinada exclusivamente ao autoconsumo.

Formalización

Reflectirá para cada unha das vivendas as cantidades investidas con dereito a dedución, o custo dos honorarios e taxas, as porcentaxes de titularidade da vivenda e o número de inscrición do certificado de eficiencia enerxética.