Saltar ao contido principal
Modelo 100. Declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas 2021

7.4.2.5. Redución para traballadores autónomos economicamente dependentes ou con único cliente non vinculado

Contía  (Art 32.2.1º e 2º da Lei)

Con carácter xeral, a contía da redución será de 2000 euros.

Adicionalmente, o rendemento neto destas actividades económicas minorarase nas seguintes contías:

  1. Cando os rendementos netos de actividades económicas sexan inferiores a 14.450 euros, sempre que non teñan rendas, excluídas as exentas, distintas das de actividades económicas superiores a 6.500 euros:

    • Contribuíntes con rendementos netos de actividades económicas iguais ou inferiores a 11.250 euros: 3.700 euros anuais.

    • Contribuíntes con rendementos netos de actividades económicas comprendidos entre 11.250 e 14.450 euros: 3.700 euros menos o resultado de multiplicar por 1,15625 a diferenza entre o rendemento de actividades económicas e 11.250 euros anuais.

  2. Cando se trate de persoas con discapacidade que obteñan rendementos netos derivados do exercicio efectivo destas actividades económicas, 3.500 euros anuais. A devandita redución será de 7.750 euros anuais, para as persoas con discapacidade que exerzan de forma efectiva estas actividades económicas e acrediten necesitar axuda de terceiras persoas ou mobilidade reducida, ou un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 %.

    Como consecuencia da aplicación desta redución, o saldo resultante non poderá ser negativo.

Requisitos

  1. O rendemento neto deberá determinarse de acordo co método de estimación directa. Non obstante, se se determina de acordo coa modalidade simplificada do método de estimación directa, a redución será incompatible coa aplicación do 5 %deducible (cunha contía máxima de 2000 euros) polo  conxunto   de provisións e gastos de difícil xustificación, neste caso o programa aplicará a contía máis favorable.

  2. A totalidade das súas entregas de bens ou prestacións de servizos deben efectuarse a única persoa, física ou xurídica, non vinculada nos termos do artigo 18 do texto refundido da Lei do Imposto sobre Sociedades, ou que o contribuínte teña a consideración de traballador autónomo economicamente dependente conforme ao que se dispón na  Lei  20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, e o cliente de que dependa economicamente non sexa unha entidade vinculada.

  3. O conxunto de gastos deducibles correspondentes a todas as súas actividades económicas non pode exceder do 30 por cento dos seus rendementos íntegros declarados.
  4. Deberán cumprirse durante o período impositivo todas as obrigas formais e de información, control e verificación que regulamentariamente se determinen.

  5. Que non se perciban rendementos do traballo no período impositivo. Non obstante, non se entenderá que se incumpre este requisito cando se perciban durante o período impositivas prestacións por desemprego ou calquera das prestacións previstas na letra a) do artigo 17.2, sempre que o seu importe non sexa superior a 4.000 euros.

  6. Que polo menos o 70% dos ingresos do período impositivo estean suxeitos a retención ou ingreso a conta.

  7. Que non realice actividade económica algunha a través de entidades en atribución de rendas.

Incompatibilidade

A redución para traballadores autónomos economicamente dependentes ou con único cliente  non vinculado e redución para contribuíntes con rendas non exentas inferiores a 12.000 euros  son incompatibles entre si.

Tributación conxunta

Cando o contribuínte opte pola tributación conxunta, terá dereito á redución cando individualmente cumpra cos requisitos. Neste caso, a contía da redución a computar na declaración conxunta será única e calcularase tendo en conta as rendas da unidade familiar, sen que o seu importe poida ser superior ao rendemento neto das actividades económicas dos membros da unidade familiar que cumpran individualmente os citados requisitos.