8.4.2.3. Plans de previsión asegurada
Reducirán a base impoñible as primas satisfeitas aos Plans de Previsión Asegurada cando cumpran os seguintes requisitos:
-
O contribuínte deberá ser o tomador, asegurado e beneficiario. Non obstante, no caso de falecemento, poderá xerar dereito ás prestacións nos termos previstos no RD Lexislativo 1/2002, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Regulación dos Plans e Fondos de Pensións.
-
As continxencias cubertas deberán ser, unicamente, as previstas no art. 8.6 do R .D Lexislativo 1/2002, e deberán ter como cobertura principal a da xubilación. Con esta finalidade, entenderase que a cobertura principal é a xubilación cando se verifique a condición de que o valor da provisión matemática para xubilación e dependencia acadadas ao final de cada anualidade representen, polo menos, o triplo da suma das primas pagas desde o inicio do plan para o capital de falecemento e invalidez.
-
Só se permitirá a disposición anticipada, total ou parcial, nos supostos previstos na normativa dos plans de pensións.
-
Estes contratos de seguro terán obrigatoriamente que ofrecer unha garantía de interese e utilizar técnicas actuariais.
-
Deberá constar expresamente e de forma destacada no condicionado da póliza que se trata dun Plan de Previsión Asegurado. A denominación Plan de Previsión Asegurada e as súas siglas quedan reservadas aos contratos de seguro que cumpran estes requisitos.