Saltar ao contido principal
Modelo 100. Declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas 2022

10.10.10. Para contribuíntes viúvos

Contía e requisitos 

Os contribuíntes viúvos terán dereito a aplicar unha dedución de 100 euros, sempre que a suma das bases impoñibles xerais e do aforro non sexa superior a 19.000 euros en caso de tributación individual e a 24.000 euros en caso de tributación conxunta.

Para os contribuíntes con residencia habitual en municipios e entidades locais menores cunha poboación inferior a 3.000 habitantes, as bases impoñibles xerais e do aforro non poderán superar os 28.000 euros en tributación individual e 45.000 euros en tributación conxunta. No suposto de familias numerosas residentes nos devanditos municipios ou entidades locais menores, non existirá ningún límite de bases impoñibles.

A residencia habitual determinarase conforme aos criterios establecidos na Lei de IRPF aplicandoos ao municipio ou entidade local menor.

O importe da dedución elévase a 200 euros se o contribuínte viúvo ten ao seu cargo un ou máis descendentes con dereito á aplicación do mínimo por descendentes, e sempre que estes non perciban ningún tipo de rendas.

Non terán dereito á aplicación desta dedución os contribuíntes que fosen condenados, en virtude de sentenza firme por delitos de violencia de xénero contra o cónxuxe falecido.

Incompatibilidade

Esta dedución será incompatible para o contribuínte en estado de viuvez coa aplicación da dedución por traballo dependente. Se tivese dereito a ambas as dúas deducións, o contribuínte poderá optar pola de maior contía.

Esta incompatibilidade refírese a unha mesma persoa, podendo simultanearse, en tributación conxunta, esta dedución de viuvez do declarante, coa dedución por rendementos de traballo dalgún dos fillos pertencentes á unidade familiar.

Formalización

Se tivo a súa residencia habitual nun municipio ou entidade local menor con poboación inferior a 3.000 habitantes e forma parte dunha familia numerosa marcará o recadro habilitado con este fin.

Se tivo a súa residencia habitual nos devanditos municipios ou entidades locais menores pero non forma parte dunha familia numerosa indicarao marcando o recadro correspondente.

Adicionalmente, se ten dereito á dedución marcará o recadro correspondente e, no caso de que teña ao seu cargo descendentes polos que se aplicou o mínimo por descendentes e que non percibisen rendas, deberá marcar o recadro habilitado con este fin.