Saltar ao contido principal
Modelo 100. Declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas 2023

10.1.7. Para pai ou nai de familia monoparental e, se é o caso, con ascendentes maiores de 75 anos

Contía 

Os contribuíntes que sexan nais ou pais de familia monoparental na data da devindicación do imposto terán dereito a aplicar unha dedución de 100 euros.

Esta dedución incrementarase adicionalmente en 100 euros por cada ascendente que conviva coa familia monoparental, sempre que estes xeren o dereito á aplicación do mínimo por ascendentes maiores de 75 anos establecidos na normativa do IRPF.

Cando varios contribuíntes teñan dereito á aplicación do incremento estarase ás regras de rateo, convivencia e demais límites previstos na normativa estatal do IRPF.

Para poder aplicar esta dedución, a suma das bases impoñibles xerais e do aforro non pode ser superior a 80.000 euros en tributación individual ou a 100.000 euros en tributación conxunta.

Concepto de familia monoparental

Nos casos de separación legal ou cando non existise vínculo matrimonial, terá a consideración de familia monoparental a formada pola nai ou o pai e os fillos que convivan cunha ou outro e que reúnen algún dos seguintes requisitos:

  1. Fillos menores de idade, con excepción de que, co consentimento dos pais, vivan independentes destes .

  2. Fillos maiores de idade con discapacidade a quen, por resolución xudicial, asista un curador.

    Tamén formarán parte da familia monoparental os fillos maiores de idade que a 1 de xaneiro de 2022 fosen declarados xudicialmente incapacitados, suxeitos a patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

Formalización

Indicará marcando o recadro correspondente que cumpre os requisitos para ter dereito á dedución.

Adicionalmente, se é o seu caso, reflectirá na xanela correspondente o número de ascendentes maiores de 75 anos con dereito ao mínimo por ascendentes  que conviven coa familia.