Saltar ao contido principal
Modelo 100. Declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas 2023

10.11.15. Por investimento en empresas que desenvolvan actividades agrarias

Contía

Os contribuíntes poderán deducir  cun límite conxunto de 20.000 euros o 20% das cantidades ou, en caso de achegas non monetarias, do valor dos bens que destinen no exercicio aos seguintes investimentos:

  1. Adquisición de capital social a consecuencia de acordos de constitución de sociedades ou de ampliación de capital, así como calquera achega a reservas en:

    • Sociedades de fomento forestal reguladas na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e outro tipo de sociedades de xestión conxunta.

    • Entidades agrarias, cooperativas agrarias ou de explotación comunitaria da terra que teñan por obxecto exclusivo actividades agrarias.

    • Entidades que teñan por obxecto a mobilización ou recuperación das terras agrarias de Galicia ao abeiro dos instrumentos previstos na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

  2. Préstamos realizados a favor das mesmas entidades citadas no punto 1.anterior, así como garantías que o contribuínte constitúa persoalmente a favor destas entidades.

  3. Achegas que os socios capitalistas realicen a contas en participación constituída para o desenvolvemento de actividades agrarias e en que o partícipe xestor sexa algunha das entidades citadas no  punto 1. anterior.

Requisitos

  • As operacións deben formalizarse en escritura pública, na que debe especificarse a identidade dos contribuíntes que pretendan aplicar esta dedución e o importe da operación respectiva.

  • Os investimentos realizados deben manterse no patrimonio do contribuínte durante un período mínimo de cinco anos, computado a partir do día seguinte á data en que se formalice a operación en escritura pública.

    En caso de operacións de financiamento, o prazo de vencemento deberá ser superior ou igual a cinco anos, sen que se poida amortizar unha cantidade superior ao 20 %anual do importe da principal. Durante ese mesmo prazo de cinco anos deben manterse as garantías constituídas.

  • O contribuínte pode formar parte do consello de administración da sociedade en que materializou o investimento, pero en ningún caso pode levar a cabo funcións executivas nin de enderezo durante un prazo de dez anos, nin pode manter unha relación laboral coa entidade obxecto do investimento durante ese mesmo prazo, agás no caso de sociedades laborais ou sociedades cooperativas.

Incompatibilidade

Esta dedución é incompatible, para os mesmos investimentos, coas deducións "Por investimento na adquisición de accións ou participacións sociais en entidades novas ou de recente creación", "Por investimento na adquisición de accións ou participacións sociais en entidades novas ou de recente creación e o seu financiamento", e "Por investimento en accións de entidades que cotizan no segmento de empresas en expansión do mercado alternativo bolsista".

Formalización

Deberá consignar o importe do investimento con dereito á dedución e o NIF da entidade. A información será trasladada polo programa ao anexo B.8 da declaración.