10.15.34. Por cantidades satisfeitas en determinados gastos de saúde
Contía
Polas cantidades satisfeitas no período impositivo en gastos da seguinte natureza:
-
Ata 100 euros para o tratamento e coidado das persoas afectadas por enfermidades crónicas de alta complexidade e as denominadas “raras”. No caso de familias numerosas ou monoparentais a dedución será de ata 150 euros.
-
Ata 100 euros para o tratamento e coidado de persoas diagnosticadas de dano cerebral adquirido ou da enfermidade de alzhéimer. No caso de familias numerosas ou monoparentais a dedución será de ata 150 euros.
-
O 30% dos gastos derivados da adquisición de produtos, servizos e tratamentos vinculados á saúde bucodental de carácter non estético, cun máximo de 150 euros.
-
O 30% dos gastos relacionados coa atención a persoas afectadas por calquera patoloxía relacionada coa saúde mental cun máximo de 150 euros.
-
O 30% do importe destinado á adquisición de cristais graduados, lentes de contacto e solucións de limpeza cun máximo de 100 euros.
Os anteriores conceptos son compatibles entre si.
Requisitos
-
Que a suma da base liquidable xeral e da base liquidable do aforro non sexa superior a 32.000 euros en tributación individual ou a 48.000 euros en tributación conxunta.
O importe íntegro da dedución soa será aplicable aos contribuíntes cuxa suma da base liquidable xeral e da base liquidable do aforro sexa inferior a 29.000 euros en tributación individual, ou inferior a 45.000 euros, en tributación conxunta.
Cando a suma da base liquidable xeral e da base liquidable do aforro estea comprendida entre 29.000 e 32.000 euros en tributación individual, ou entre 45.000 e 48.000 euros en tributación conxunta, os importes e límites de dedución serán os seguintes:
-
En tributación individual o resultado de multiplicar o importe ou límite de dedución por unha porcentaxe obtida da aplicación da seguinte fórmula: 100 X (1 – o coeficiente resultante de dividir por 3.000 a diferenza entre a suma da base liquidable xeral e do aforro do contribuínte e 29.000)
-
En tributación conxunta, o resultado de multiplicar o importe ou límite de dedución por unha porcentaxe obtida da aplicación da seguinte fórmula: 100 X (1 – o coeficiente resultante de dividir por 3.000 a diferenza entre a suma da base liquidable xeral e do aforro do contribuínte e 45.000)
-
-
Que os servizos recibidos como consecuencia de tratamentos médicos, sexan prestados por establecementos, centros, servizos, ou profesionais sanitarios inscritos no Rexistro Xeral de Centros, Servizos e Establecementos sanitarios ou no Rexistro Estatal de Profesionais Sanitarios.
-
Que se poidan acreditar as adquisicións de bens ou servizos mediante a correspondente factura cal deberá indicar o concepto deducido e o xustificante de pagamento mediante tarxeta de crédito ou débito, transferencia bancaria, cheque nominativo ou ingreso en contas en entidades de crédito
Aos efectos da súa revisión pola administración tributaria, deberán acompañarse os antecedentes anteriores dun informe emitido por un facultativo competente que permita inequivocamente a súa correcta clasificación nalgunha das categorías de gasto previsto para esta dedución.
Límite
O límite de dedución establecerase por contribuínte e os desembolsos poderán ir destinados ao tratamento do contribuínte, o seu cónxuxe, e aquelas persoas que dean dereito á aplicación dos mínimos familiares por descendentes e ascendentes.
Cando dous contribuíntes declarantes teñan dereito á aplicación desta dedución polo feito de desembolsar os gastos relacionados cos tratamentos ou coidados recibidos por outras persoas, a base da dedución ratearase entre eles por partes iguais.
Base
As cantidades satisfeitas no período impositivo nos gastos mencionados.
Non se integrarán na base da dedución as primas satisfeitas por seguros médicos nin o importe das prestacións médicas que sexan reintegrables pola seguridade social ou as entidades que a substitúan.
Tampouco se incluirán na base da dedución as cantidades satisfeitas a asociacións sen ánimo de lucro declarado de utilidade pública que gocen da dedución por donativos e outras achegas reguladas no apartado 3 do artigo 68 da Lei de IRPF.
Formalización
Os gastos relacionados con tratamentos e coidados do contribuínte, do seu cónxuxe, e daquelas persoas que dean dereito á aplicación dos mínimos familiares por descendentes e ascendentes cubriranse no apartado A) e / ou no apartado B).
No apartado A) consignarase de maneira separada os importes satisfeitos para o tratamento e o coidado das persoas afectadas por enfermidades crónicas de alta complexidade e as denominadas “raras” e, as cantidades abonadas para o tratamento e coidado de persoas diagnosticadas de dano cerebral adquirido ou da enfermidade de alzhéimer.
Cando haxa máis dun contribuínte declarante con dereito a aplicar a dedución por haber desembolsados gastos relacionados cos tratamentos ou coidados, o importe do gasto ratearase entre eles por partes iguais.
Adicionalmente, se forma parte dunha familia numerosa ou monoparental indicarao no recadro habilitado con este fin.
No apartado B) reflectirá de maneira separada os importes que corespondan: a gastos derivados da adquisición de produtos, servizos e tratamentos vinculados á saúde bucodental de carácter non estético, a gastos relacionados coa atención a persoas afectadas por calquera patoloxía relacionada coa saúde mental e a gastos destinados á adquisición de cristais graduados, lentes de contacto e solucións de limpeza.
Cando haxa máis dun contribuínte declarante con dereito a aplicar a dedución por haber desembolsados gastos relacionados cos tratamentos ou coidados, o importe do gasto ratearase entre eles por partes iguais.