Saltar ao contido principal
Modelo 100. Declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas 2023

10.7.3. Por discapacidade de ascendentes ou descendentes

Contía

Por cada descendente ou ascendente con discapacidade a cantidade de 300 euros.

Requisitos e condicións

  1. O descendente ou ascendente debe dar dereito ao mínimo por discapacidade de ascendentes ou descendentes de acordo coa normativa de IRPF

  2. O descendente ou ascendente debe acreditar un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 %.

  3. A suma da base impoñible xeral e a do aforro non debe superar a cantidade de 27.000 euros en tributación individual ou  de 36.000 euros en tributación conxunta.

  4. En tributación conxunta se algún descendente integrante da unidade familiar é unha persoa con discapacidade no grao esixido aplicarase por el a"dedución por descendentes con discapacidade" e non a correspondente a contribuíntes con discapacidade.

  5. Esta dedución é incompatible coa dedución por discapacidade do contribuínte respecto dunha mesma persoa.

    Polo tanto,  os descendentes con discapacidade que integren a unidade familiar xerarán dereito, en tributación conxunta, á aplicación da dedución por discapacidade de descendentes e non á dedución por discapacidade do contribuínte.

    Cando o ascendente sexa unha persoa maior de 75 anos cun grao de discapacidade igual ou superior ao 65 %aplicarase esta dedución e non a establecida “Por coidado de ascendentes maiores de 75 anos”.

Cando dous ou máis contribuíntes teñan dereito á aplicación da dedución polos mesmos ascendentes ou descendentes, e algún deles non cumpra os requisitos establecidos no punto 3 anterior, o importe da dedución para os demais contribuíntes quedará reducido á proporción que resulte da aplicación das normas para o rateo do mínimo por descendentes, ascendentes e discapacidade prevista na lexislación estatal.

Formalización

A dedución será calculada polo programa de acordo cos datos que indicase nas xanelas de "Datos persoais e familiares".