Saltar ao contido principal
Modelo 100. Declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas 2023

7.3.2. Imputación de rendas inmobiliarias (inmobles a disposición dos seus titulares)

Os propietarios de bens inmobles ou os titulares de dereitos reais de uso ou gozo que recaian sobre os mesmos, deberán imputarse rendas inmobiliarias cando concorran as seguintes circunstancias:

  1. Que teñan a consideración de bens inmobles de natureza urbana de acordo co artigo 7 do texto refundido da Lei do Catastro Inmobiliario ou que se trate de inmobles rústicos con construcións que non resulten indispensables para o desenvolvemento de explotacións agrícolas, gandeiras ou forestais.

  2. Que non estean afectos a actividades económicas

  3. Que os inmobles non xeren rendementos do capital; é dicir que non estean arrendados nin se producise calquera outra cesión de uso mediante prezo.

Porén, non procede a imputación polos seguintes inmobles:

  • A vivenda habitual.

  • O solo non edificado.

  • Inmobles en construción.

  • Inmobles que por razóns urbanísticas non sexan susceptibles de uso.

Nos supostos de dereitos de aproveitamento por quenda de bens inmobles a imputación efectuarase ao titular do dereito real, rateando o valor catastral en función da duración anual do período de aproveitamento.

Cando á data de devindicación do imposto os inmobles carecesen de valor catastral ou este non se notificase ao seu titular, tomarase como base de imputación o prezo de adquisición do dereito de aproveitamento.

Non procederá a imputación de renda inmobiliaria aos titulares de dereitos de aproveitamento por quenda de bens inmobles cando a súa duración non exceda de dúas semanas por ano.

Renda imputada

Terá a consideración de renda imputada a cantidade que resulte de aplicar o 2% ao valor catastral, determinandose proporcionalmente ao número de días que corresponda en cada período impositivo.

No caso de inmobles cuxos valores catastrais fosen revisados, modificados ou determinados mediante un procedemento de valoración colectiva de carácter xeral, de conformidade coa normativa catastral, sempre que entrasen en vigor a partir do 1 de xaneiro de 2012 a porcentaxe de imputación será do 1,1 %.

Se á data de devindicación do imposto o inmoble carecese de valor catastral ou este non fose notificado ao titular, a porcentaxe será do 1,1 %e aplicarase sobre o 50% do maior dos seguintes valores: o comprobado pola Administración para os efectos doutros tributos ou o prezo, contraprestación ou valor da adquisición.