Saltar ao contido principal
Modelo 100. Declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas 2023

Compra, Variación de existencias e Outros consumos de explotación

  1. Compras de existencias

    Inclúe o aprovisionamento de mercadorías e materias primas polo seu prezo de adquisición.

    O prezo de adquisición comprenderá o consignado na factura máis todos os gastos adicionais que se produzan ata que os bens se achen en almacén, tales como transportes, aduanas, seguros, etc.

    O custo de produción dos produtos fabricados pola propia empresa determinarase engadindo ao prezo de adquisición das materias primas e outras materias consumibles, os custos directamente imputables ao produto, así como a parte que razoablemente corresponda dos custos indirectos soportados durante o proceso de fabricación.

  2. Variación de existencias

    A variación de existencias é a diferenza entre as existencias iniciais e as existencias finais; cando as existencias ao inicio do exercicio son maiores que ao final deste , a devandita diferenza ten que reflectirse como gasto.

  3. Outros consumos de explotación

    Incluiríase o consumo no exercicio doutros aprovisionamentos (distintos de mercadorías e materias primas) destinados ao proceso de produción ou utilizados na prestación de servizo (elementos e conxuntos incorporables, combustibles, repostos, materiais diversos, envases, embalaxes, material de oficina...).

    • Por elementos e conxuntos incorporables enténdense os fabricados normalmente fóra da empresa e adquiridos por esta para incorporaros ao seu proceso de produción sen someteros a transformación.

    • No caso de combustibles incluirase unicamente o consumo de materias enerxéticas susceptibles de almacenaxe.

    • Son repostos as pezas destinadas a ser montadas en instalacións equipos ou máquinas en substitución doutras semellantes.

    • Por materiais diversos enténdese outras materias de consumo que non teñen que incorporarse o produto fabricado.