Saltar ao contido principal
Modelo 100. Declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas 2025

10.15.35. Por cantidades satisfeitas en gastos asociados á práctica do deporte e actividades saudables

Contía

O 30% das cantidades satisfeitas no período impositivo en gastos asociados á práctica do deporte e actividades saudables.

A porcentaxe de dedución será do 50 %se o declarante é maior de 65 anos ou ten unha discapacidade igual ou superior ao 33 %e do 100 %se o declarante é maior de 75 anos ou ten unha discapacidade igual ou superior ao 65 %.

O límite da dedución será, en todos os casos, de 150 euros por contribuínte.

Os desembolsos poderán ir destinados a actividades desenvolvidas polo contribuínte, o seu cónxuxe e aquelas persoas que dean dereito á aplicación dos mínimos familiares por descendentes e ascendentes.

Requisitos e condicións

  • Que a suma da base liquidable xeral e da base liquidable do aforro non sexa superior a 60.000 euros en tributación individual e a 78.000 euros en tributación conxunta.

    O límite de dedución aplicarase aos contribuíntes cuxa suma da base liquidable xeral e da base liquidable do aforro sexa inferior a 54.000 euros, en tributación individual, ou inferior a 72.000 euros, en tributación conxunta.

    Cando a suma da base liquidable xeral e da base liquidable do aforro do contribuínte estea comprendida entre 54.000 e 60.000 euros, en tributación individual, ou entre 72.000 e 78.000 euros, en tributación conxunta, o importe do límite de dedución será o seguinte:

    1. En tributación individual o resultado de multiplicar o límite de dedución por unha porcentaxe obtida da aplicación da seguinte fórmula: 100 X (1 – o coeficiente resultante de dividir por 6.000 a diferenza entre a suma da base liquidable xeral e do aforro do contribuínte e 54.000).

    2. En tributación conxunta, o resultado de multiplicar o límite de dedución por unha porcentaxe obtida da aplicación da seguinte fórmula: 100 X (1 – o coeficiente resultante de dividir por 6.000 a diferenza entre a suma da base liquidable xeral e do aforro do contribuínte e 72.000).

  • Darán dereito as cantidades satisfeitas en concepto de:

    • Cotas de pertenza ou adhesión satisfeita a ximnasios, clubs deportivos, federacións deportivas, grupos de recreación deportiva, seccións deportivas ou de recreación deportiva doutras entidades non deportivas, agrupacións de recreación deportiva, asociacións de federacións e sociedades anónimas deportivas.

    • Adquisición do equipamento obrigatorio para a práctica do deporte federado.

    • Servizos persoais  de adestramento prestado por técnicos e adestradores deportivos.

    • Servizos persoais prestados por traumatólogos, dietista-nutricionistas, fisioterapeutas, podólogos ou técnicos superiores en Dietética.

  • Que se poidan acreditar as adquisicións de bens ou servizos mediante a correspondente factura e o pagamento realícese mediante tarxeta de crédito ou débito, transferencia bancaria, cheque nominativo ou ingreso en contas en entidades de crédito.

  • Cando dous contribuíntes declarantes teñan dereito á aplicación desta dedución por corresponder a gastos relacionados con outras persoas, a base da dedución ratearase entre eles por partes iguais.

Formalización

Consignará por cada vendedor ou prestador do servizo o importe anual satisfeito que corresponda a gastos por actividades desenvolvidas polo contribuínte, o seu cónxuxe e aquelas persoas que dean dereito a aplicar o mínimo familiar por descendentes e ascendentes e o NIF do vendedor ou prestador do servizo.

Cando haxa máis dun contribuínte declarante con dereito a aplicar a dedución por corresponder a gastos relacionados con outras persoas, o importe do gasto ratearase por partes iguais.

O programa trasladará os datos ao Anexo B.14 da declaración.

No caso de que xa presentase a declaración sen incluír o importe desta dedución  deberá modificar a declaración presentada o que xerará un menor importe a ingresar ou unha maior devolución. Pode obter máis información sobre a forma de presentar esta modificación en: Modificar unha declaración xa presentada 2025.