10.6.20. Polo arrendamento de vivendas baleiras
Contía
500 euros por cada un dos bens inmobles destinados ao arrendamento.
Requisitos e condicións
-
A dedución poderase aplicar polos propietarios ou usufrutuarios de vivendas baleiras.
-
A vivenda ten que estar baleira durante polo menos o ano anterior á celebración dun contrato de arrendamento suxeito á Lei de arrendamentos urbanos. O cómputo do ano realizarase de data a data tomando como referencia a celebración do contrato de arrendamento e sen referirse en ningún momento a períodos impositivos.
Entenderase que unha vivenda se encontra baleira cando non estea habitada, arrendada, en uso, nin afecta a actividades económicas.
-
O contrato deberá ter unha duración efectiva de polo menos tres anos.
Non obstante, non se perderá o dereito á dedución cando o contrato teña unha duración inferior a tres anos se o devandito inmoble pasa a estar en situación de expectativa de alugamento e volve ser obxecto dun novo contrato de arrendamento de vivenda dentro do prazo de seis meses desde a finalización do anterior sempre que, a suma dos períodos de duración de ambos os dous contratos sexa de polo menos tres anos. Tampouco se perderá o dereito á dedución no caso de falecemento do contribuínte antes do prazo de 3 anos.
-
O arrendatario da vivenda non poderá ser o cónxuxe nin a parella de feito nin un parente, por consanguinidade ou por afinidade, ata o terceiro grao inclusive, do contribuínte.
-
O prezo mensual do alugamento da vivenda incluída os seus anexos non pode superar os 1.000 euros.
Con esta finalidade tera en contase o prezo mensual establecido para o primeiro ano de contrato, con independencia de que poida ser posteriormente actualizado mediante algún tipo de referencia ou coeficiente, e sen incluír nese prezo as subministracións, os gastos de comunidade, seguros, impostos ou calquera outro que se repercuta en virtude do contrato.
-
Cada contribuínte non poderá ser titular de máis de tres vivendas.
Con esta finalidade deberán ser computados todas aquelas vivendas en que o contribuínte teña unha participación, como propietario ou usufrutuario, coa exclusión de garaxes, rochos e locais e iso con independencia de que algún deles estea destinado a satisfacer as necesidades de vivenda do contribuínte ou puidese quedar excluído do ámbito de aplicación da dedución.
-
O importe da dedución ratearase en función da porcentaxe de participación na propiedade do inmoble.
Formalización
Para cada vivenda consignará:
-
A porcentaxe de participación na propiedade ou no dereito real de usufruto.
-
A referencia catastral. Se a vivenda non tivese referencia marcará o recadro habilitado con esa fin.
O programa trasladará os datos ao Anexo B.13 da declaración.