4.2.7.2. Apartado G2
G2) Aciones e participacións no capital social ou fondos propios de calquera entidades xurídicas negociadas en mercados organizados (art. 15 Lei 19/91)
Incluiranse neste epígrafe as accións e participacións no capital social ou fondos propios de calquera entidades xurídicas negociadas en mercados organizados, agás as correspondentes a Institucións de Investimento Colectivo.
Regras de valoración
Estas accións e participacións computaranse polo valor de cotización media do cuarto trimestre de cada ano.
Con esta finalidade, a relación dos valores negociados en mercados organizados, co seu valor de negociación media correspondente ao cuarto trimestre de 2019, para os efectos da declaración do Imposto sobre o Patrimonio do ano 2019 e da declaración informativa anual acerca de valores, seguros e rendas recóllese na Orde HAC/176/2020, do 20 de febreiro (BOE do 29).
Subscrición de novas accións non admitidas aínda a negociación
Cando se trate de subscrición de novas accións, non admitidas aínda a cotización oficial, emitidas por entidades xurídicas que coticen en mercados organizados, tomarase como valor destas accións o da última negociación dos títulos antigos dentro do período de subscrición.
Ampliacións de capital pendente de desembolso
Nos supostos de ampliacións de capital pendente de desembolso, a valoración das accións farase de acordo coas normas anteriores, coma se estivesen totalmente desembolsadas, incluíndo a parte pendente de desembolso como débeda do suxeito pasivo.
Formalización
Respecto de cada unha das accións ou participacións deberá consignar: a clave correspondente ao pleno dominio ou núa propiedade segundo cal sexa o seu caso, a porcentaxe de titularidade, o número de valores (o programa permite decimais), o ISIN asignado pola CNMV ou no seu defecto o NIF do emisor, a descrición dos valores e o valor.