Saltar ao contido principal
Patrimonio 2020

4.2.7.2. Apartado G2

G2) Aciones e participacións no capital social ou fondos propios de calquera entidades xurídicas negociadas en mercados organizados (art. 15 Lei 19/91)

Incluiranse neste epígrafe as accións e participacións no capital social ou fondos propios de calquera entidades xurídicas negociadas en mercados organizados, agás as correspondentes a Institucións de Investimento Colectivo.

Regras de valoración

Estas accións e participacións computaranse polo valor de cotización media do cuarto trimestre de cada ano.

Con esta finalidade, a relación dos valores negociados en mercados organizados, co seu valor de negociación media correspondente ao cuarto trimestre de 2020, para os efectos da declaración do Imposto sobre o Patrimonio do ano 2020 e da declaración informativa anual acerca de valores, seguros e rendas recóllese na Orde/HAC/173/2021, do 25 de febreiro.

Subscrición de novas accións non admitidas aínda a negociación

Cando se trate de subscrición de novas accións, non admitidas aínda a cotización oficial, emitidas por entidades xurídicas que coticen en mercados organizados, tomarase como valor destas accións o da última negociación dos títulos antigos dentro do período de subscrición.

Ampliacións de capital pendente de desembolso

Nos supostos de ampliacións de capital pendente de desembolso, a valoración das accións farase de acordo coas normas anteriores, coma se estivesen totalmente desembolsadas, incluíndo a parte pendente de desembolso como débeda do suxeito pasivo.

Formalización

Respecto de cada unha das accións ou participacións deberá consignar: a clave correspondente ao pleno dominio ou núa propiedade segundo cal sexa o seu caso, a porcentaxe de titularidade,  o número de valores (o programa  permite decimais), o ISIN asignado pola CNMV ou no seu defecto o NIF do emisor,  a descrición dos valores e o valor.

Se tivese que relacionar máis elementos que os contemplados no programa poderá declararos de maneira acumulada no último recadro. Neste caso só terá que cubrir os datos relativos á descrición e á valoración.