Rectificación dos erros ou omisións padecidos en declaracións xa presentadas
Pode acontecer que, unha vez presentada a declaración do IRPF , xa consista esta nunha autoliquidación ou no borrador de declaración debidamente confirmado, o contribuínte advirta erros ou omisións nos datos declarados. A vía para a rectificación de tales anomalías é diferente, dependendo de que os erros ou omisións causasen un prexuízo á Facenda Pública ou ao propio contribuínte.
Erros ou omisións en prexuízo da Facenda Pública
O procedemento de regularización de situacións tributarias derivadas de erros ou omisións padecidas en declaracións xa presentadas que orixinasen un prexuízo á Facenda Pública, coméntase no Capítulo 18 no apartado "Regularización mediante a presentación de autoliquidación complementaria".
Erros ou omisións en prexuízo do contribuínte
Se o contribuínte declarou indebidamente algunha renda exenta, computou importes en contía superior á debida, esqueceu deducir algún gasto fiscalmente admisible ou omitiu algunha redución ou dedución ás que tiña dereito e, en consecuencia, produciuse un prexuízo dos seus intereses lexítimos, poderá solicitar a rectificación da devandita autoliquidación de acordo co procedemento que se comenta no Capítulo 18.
Permítese solicitar a rectificación de autoliquidación do IRPF a través da propia declaración do imposto, cando o contribuínte cometese erros ou omisións que determinen unha maior devolución ao seu favor ou un menor ingreso, podendo realizarse esta solicitude de rectificación, para o período impositivo 2019, non só a través de Renda Web senón tamén a través dos programas de presentación desenvolvida por terceiros.
Importante: se o contribuínte desexa solicitar a rectificación da súa autoliquidación do exercicio 2019 deberá marcar o recadro [127] da declaración. Unha vez marcada, a autoliquidación fai as funcións de escrito de solicitude de rectificación de autoliquidación, de acordo co que se dispón no artigo 67 bis do Regulamento do IRPF.