Determinación da base liquidable xeral
Normativa: Art. 50.1 e 3 Lei IRPF
A base liquidable xeral é o resultado de reducir a base impoñible xeral no importe das reducións ata agora comentadas neste mesmo Capítulo. As reducións aplícanse a reducir a base impoñible xeral, na orde en que se comentaron, sen que esta poida resultar negativa como consecuencia de tales reducións.
Base liquidable xeral negativa
A base liquidable xeral pode ser negativa cando o sexa a base impoñible xeral por ser os seus compoñentes negativos superiores aos positivos. Nestes casos, non poderá aplicarse ningunha das reducións ata agora comentadas.
Se a base liquidable xeral resultase negativa nos termos anteriormente comentados, o seu importe deberá ser compensado cos das bases liquidables xerais positivas que se obteñan nos catro anos seguintes.
A compensación deberá efectuarse na contía máxima que permita cada un dos exercicios seguintes e sen que poida practicarse fóra do prazo, a que se refire o parágrafo anterior, mediante a acumulación a bases liquidables xerais negativas de anos posteriores.
Atención: os importes das bases liquidables xerais negativas dos exercicios 2015 a 2018 pendentes de compensar ao inicio do exercicio, os aplicados na declaración e o remanente pendente de aplicación en exercicios futuros así como como o importe da base liquidable xeral negativa de 2019 que quede pendente de compensar nos 4 exercicios seguintes, deben facerse constar no anexo C.3 da declaración no apartado "Bases liquidables xerais negativas pendentes de compensar nos exercicios seguintes".
Regras de compensación en tributación conxunta
As bases liquidables xerais negativas determinadas en tributación conxunta serán compensables, exclusivamente, en caso de tributación individual posterior, por aqueles contribuíntes a quen correspondan de acordo coas regras sobre individualización de rendas contidas na Lei do imposto.