Redución por tributación conxunta
Unidades familiares integradas por ambos os dous cónxuxes
En declaracións conxuntas de unidades familiares integradas por ambos os dous cónxuxes non separados legalmente e, se os houbese, os fillos menores que convivan, así como os maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos a patria potestade prorrogada ou rehabilitada, a base impoñible reducirase en 3.400 euros anuais.
Unidades familiares monoparentais
En declaracións conxuntas de unidades familiares monoparentais, é dicir, as formadas, nos casos de separación legal ou cando non exista vínculo matrimonial, polo pai ou a nai e todos os fillos menores ou maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos a patria potestade prorrogada ou rehabilitada que convivan cun ou outra, a base impoñible reducirase en 2.150 euros anuais.
Importante: non se aplicará esta redución cando o contribuínte conviva co pai ou a nai dalgún dos fillos que forman parte da súa unidade familiar.
A redución que proceda das comentadas aplicarase, en primeiro lugar, á base impoñible xeral, sen que poida resultar negativa como consecuencia de tal minoración. O remanente, se o houber, minorará a base impoñible do aforro, que tampouco poderá resultar negativa.
Importante: teñase en conta que no caso de unidades familiares a que se refire o artigo 82.1 de Lei do IRPF, formadas por contribuíntes deste Imposto e por residentes noutro Estado membro da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, estableceuse, con efectos desde o 1 de xaneiro de 2018, unha nova dedución sobre a cota que se comenta no Capítulo 18 do Manual. Coa citada dedución preténdese, xa que tales unidades familiares non poden optar por declarar conxuntamente, equiparar a cota a pagar á que soportase o contribuínte no caso de que todos os membros da unidade familiar fosen residentes fiscais en España.
Non obstante, esta nova dedución non é aplicable cando algún dos membros integrados na unidade familiar optase por tributar de acordo co réxime fiscal especial aplicable aos traballadores desprazados a territorio español previsto no artigo 93 da Lei do IRPF ao que nos referimos no Capítulo 2 deste Manual.