Saltar ao contido principal
Manual práctico de Renda 2019.

Imputación temporal dos rendementos do capital inmobiliario

Regra xeral

Normativa: Art. 14.1 a) Lei IRPF

Como regra xeral, os rendementos do capital inmobiliario, tanto os ingresos coma os gastos, deben imputarse ao período impositivo en que sexan esixibles polo seu perceptor, con independencia do momento en que se producise o cobramento dos ingresos e o pagamento dos gastos.

Regras especiais

  1. Rendementos estimados do capital inmobiliario

    Normativa: Art. 14.2 f) Lei IRPF

    As rendas estimadas do capital inmobiliario e as derivadas de operacións vinculadas imputaranse ao período impositivo en que se entendan producidas. O devandito exercicio será aquel en que se realizasen as prestacións de bens ou dereitos susceptibles de xerar os rendementos desta natureza.

  2. Rendementos pendentes de resolución xudicial

    Normativa: Art. 14.2 a) Lei IRPF

    Malia o anterior, cando non se satisfixese a totalidade ou parte dunha renda por encontrarse pendente de resolución xudicial a determinación do dereito á súa percepción ou a súa contía (non a mera falta de pagamento), os importes non satisfeitos imputaranse ao período impositivo en que a sentenza xudicial adquira firmeza, aínda que non se cobrasen no devandito exercicio