Regras de amortización
-
Base de amortización
A base da amortización está constituída polo prezo de adquisición do elemento, incluídos os gastos adicionais que se produzan ata a súa posta en condicións de funcionamento, ou polo seu custo de produción, excluído, se é o caso, o valor residual. No suposto de adquisición de bens e posterior afectación á actividade económica desenvolvida, a amortización tomará como base o valor de adquisición que tivesen os bens no momento da afectación.
-
Inicio do cómputo da amortización
A amortización efectuarase a partir da posta en condicións de funcionamento do elemento se pertence ao inmobilizado material ou investimentos inmobiliarios, ou desde o momento en que estean en condicións de producir ingresos se pertence ao inmobilizado intanxible.
-
Amortización do inmobilizado intanxible
A partir do 1 de xaneiro de 2016 todos os inmobilizados intanxibles pasan a considerarse activos de vida útil definida e son amortizables aplicandose os seguintes criterios:
- Con carácter xeral, o inmobilizado intanxible amortizarase atendendo á súa vida útil.
- Non obstante, cando a mesma non poida estimarse de maneira fiable, a amortización será deducible co límite anual máximo da vinteava parte do seu importe (o 5 por 100).
Así mesmo, a amortización do fondo de comercio será deducible co límite anual máximo da vinteava parte do seu importe (o 5 por 100).
Agora ben ten que terse en conta que o artigo 39 do Código de Comercio na redacción dada pola disposición final primeira da Lei 22/2015, do 20 de xullo, de Auditoría de Contas (BOE do 21) aplicable aos exercicios que comecen a partir do 1 de xaneiro de 2016, dispón que os inmobilizados intanxibles son activos de vida útil definida e que cando a vida útil destes activos non poida estimarse de maneira fiable amortizaranse nun prazo de 10 anos, non sendo que outra disposición legal ou regulamentaria estableza un prazo diferente.
No caso do fondo de comercio, o citado artigo 39 do Código de Comercio sinala que unicamente poderá figurar no activo do balance cando se adquirise a título oneroso e presumirase, agás proba en contrario, que a vida útil do fondo de comercio é de dez anos.
Como consecuencia do anterior nos inmobilizados intanxibles en que non poida estimarse de maneira fiable a súa vida útil e no caso do fondo de comercio, a amortización contable será do 10 por 100 mentres que a amortización fiscal será do 5 por 10, polo que nos exercicios undécimo ao vixésimo non haberá gasto contable por amortización, pero si amortización fiscal.
Con respecto ao réxime transitorio para a reversión da deterioración de valor do inmobilizado intanxible, incluído o fondo de comercio, véxase o comentario que figura no apartado sobre "Perdas por deterioración do valor dos elementos patrimoniais" neste Capítulo.
-
Elementos patrimoniais usados
Tratandose de elementos patrimoniais do inmobilizado material e investimentos inmobiliarios que se adquiran usados, é dicir, que non sexan postos en condicións de funcionamento por primeira vez, o cálculo da amortización a aqueles casos en que se utiliza a amortización por táboas efectuarase de acordo cos seguintes criterios:
- Se se toma como base da amortización o valor de adquisición do elemento usado, o coeficiente máximo utilizable será o dobre do coeficiente de amortización lineal máximo fixado na táboa de amortización.
- Se se toma como base de amortización o prezo de adquisición ou custo de produción orixinaria, aplicarase o coeficiente de amortización lineal máximo fixado nas táboas de amortización para o devandito elemento.
- Se non se coñece o prezo de adquisición ou custo de produción orixinaria, o contribuínte poderá determinar aquel pericialmente, e unha vez fixado, procederase de acordo co previsto na letra anterior.
Con esta finalidade, non terán a consideración de elementos patrimoniais usados os edificios cuxa antigüidade sexa inferior a dez anos.
-
Exceso de amortizacións
A dotación nun exercicio de amortizacións superiores ás permitidas fiscalmente non constitúe gasto deducible, sen prexuízo de que o exceso poida sero en períodos posteriores.
Importante: o artigo 7 da Lei 16/2012, do 27 de decembro, pola que se adoptan diversas medidas tributarias dirixidas á consolidación das finanzas públicas e ao impulso da actividade económica (BOE do 28) estableceu para os contribuíntes que non cumprían os requisitos para ser considerados de empresas de reducida dimensión, unha limitación á deducibilidade da amortización contable do inmobilizado material, intanxible e dos investimentos inmobiliarias nos exercicios 2013 e 2014 de ata o 70 por 100 do importe que resultase fiscalmente deducible por aplicación dos sistemas xerais de amortización ou o previsto para elementos do inmobilizado intanxible con vida útil definida. A amortización contable que non resultou fiscalmente deducible (o 30 por 100) pódese deducir desde 2015 de forma lineal durante un prazo de dez anos ou, opcionalmente, durante a vida útil do elemento patrimonial.
Precisión: A disposición derrogatoria.2.z) da LIS declara vixente o artigo 7 da Lei 16/2012 canto ao Imposto sobre Sociedades.