Individualización dos rendementos do capital mobiliario
Normativa: Art. 11.3 Lei IRPF
Os rendementos do capital mobiliario corresponden aos contribuíntes que sexan titulares dos elementos patrimoniais, bens ou dereitos, dos que proveñan os devanditos rendementos. Polo tanto, serán os mencionados titulares os que deberán incluír os correspondentes rendementos na súa declaración do IRPF.
Cando non resulte debidamente acreditada a titularidade dos bens ou dereitos, a Administración Tributaria terá dereito a considerar como titular a quen figure como tal nun rexistro fiscal ou en calquera outro rexistro de carácter público.
Nos supostos en que a titularidade dos bens ou dereitos corresponda a varias persoas, os rendementos consideraranse obtidos por cada unha delas en proporción á súa participación na devandita titularidade. Por conseguinte, cada un dos cotitulares deberá declarar como ingresos íntegros e gastos deducibles as cantidades que resulten de aplicar, respectivamente, sobre os ingresos e gastos totais producidos polo ben ou dereito do que se trate, a porcentaxe que represente a súa participación na titularidade deste.
Lembre : no caso de matrimonios, os rendementos procedentes de bens e dereitos que, de acordo coas disposicións reguladoras do réxime económico do matrimonio, sexan comúns a ambos os dous cónxuxes, corresponderán por metade a cada un deles (agás que se xustifique outra cota distinta de participación). Pola contra, os rendementos procedentes de bens ou dereitos que, de acordo coas mesmas normas, sexan de titularidade privativa de calquera dos cónxuxes, corresponderán integramente a este.