Saltar ao contido principal
Manual práctico de Renda 2020

Instrumentación e forma de percepción das prestacións

Instrumentación

Os recursos achegados deben instrumentarse a través de seguros individuais de vida nos que o contratante, asegurado e beneficiario sexa o propio contribuínte.

Os seguros de vida aptos para esta fórmula contractual non serán os seguros colectivos que instrumentan compromisos por pensións conforme á disposición adicional primeira do texto refundido da Lei de Regulación dos Plans e Fondos de Pensións, nin os instrumentos de previsión social que reducen a base impoñible do IRPF.

No condicionado do contrato farase constar de forma expresa e destacada que se trata dun plan de aforro individual sistemático e as súas siglas quedan reservadas aos contratos que cumpran os requisitos previstos na Lei do IRPF.

Forma de percepción das prestacións

A renda vitalicia constituirase cos dereitos económicos procedentes dos devanditos seguros de vida.Nos contratos de renda vitalicia poderán establecerse mecanismos de reversión ou períodos certos de prestación ou fórmulas de contraseguro en caso de falecemento unha vez constituída a renda vitalicia.

O mecanismo de reversión nos contratos de seguros é o procedemento polo cal o asegurado (que, no caso do PIAS, é o primeiro beneficiario) pode trasladar, tras o seu falecemento, a un novo beneficiario a totalidade ou unha parte da renda vitalicia.

Os contratos de seguros de renda vitalicia con períodos certos de prestación son aqueles nos que se garante que a renda se percibirá durante un número mínimo de anos aínda cando faleza o asegurado e beneficiario inicial da renda (loxicamente en caso de falecemento do asegurado a renda percibiraa o beneficiario designado para tal efecto).

Finalmente, as fórmulas de contraseguro (as máis utilizadas na práctica aseguradora) son aquelas que garanten ao beneficiario designado un capital en caso de falecemento do asegurado.

Agora ben, co fin de asegurar que a aplicación da exención prevista no artigo 7.v) da Lei do IRPF cumpre coa finalidade pretendida, esíxese aos contratos celebrados con posterioridade a 1 de abril de 2019 nos que se establezan mecanismos de reversión, períodos certos de prestación ou fórmulas de contraseguro en caso de falecemento, o cumprimento dos seguintes requisitos (disposición adicional novena Regulamento IRPF):

  1. No suposto de mecanismos de reversión en caso de falecemento do asegurado, unicamente poderá existir un potencial beneficiario da renda vitalicia que reverta.

  2. No suposto de períodos certos de prestación, os devanditos períodos non poderán exceder de 10 anos dende a constitución da renda vitalicia.

  3. No suposto de fórmulas de contraseguro, a contía total a percibir con motivo do falecemento do asegurado en ningún momento poderá exceder das seguintes porcentaxes respecto do importe destinado á constitución da renda vitalicia:

    Anos dende a constitución da renda vitalicia Porcentaxe
    1.º 95 por 100
    2.º 90 por 100
    3.º 85 por 100
    4.º 80 por 100
    5.º 75 por 100
    6.º 70 por 100
    7.º 65 por 100
    8.º 60 por 100
    9.º 55 por 100
    10.º en diante 50 por 100

Importante:Os novos requisitos que se establecen para os supostos en que existan mecanismos de reversión, períodos certos de prestación ou fórmulas de contraseguro en caso de falecemento sobre contratos de rendas vitalicias aseguradas non resultará de aplicación aos contratos de seguro de vida celebrados con anterioridade a 1 de abril de 2019, con independencia de que a constitución da renda vitalicia se realice con posterioridade á devandita data.