Saltar ao contido principal
Manual práctico de Renda 2020

Gastos deducibles:de administración e depósito

Normativa:Art.º 26.1 Lei IRPF

Teñen a consideración de gastos deducibles para a determinación do rendemento neto do capital mobiliario, exclusivamente os de administración e depósito de valores negociables, sen que resulte admisible a dedución de ningún outro concepto de gasto.

Para estes efectos, consideraranse como gastos de administración e depósito aqueles importes que repercutan as empresas de servizos de investimento, entidades de crédito ou outras entidades financeiras que, de acordo co Real Decreto Lexislativo 4/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Mercado de Valores (BOE do 24), teñan por finalidade retribuír a prestación derivada da realización, por conta dos seus titulares, do servizo de depósito de valores representados en forma de títulos ou da administración de valores representados en anotacións en conta.

Precisión: Aínda que o artigo 26.1.a) da Lei do IRPF alude á Lei 24/1988, do 28 de xullo, do Mercado de Valores debe terse en conta que a disposición adicional única do Real Decreto Lexislativo 4/2015, do 23 de outubro, establece que as referencias normativas efectuadas noutras disposicións á Lei 24/1988, do 28 de xullo, do Mercado de Valores, se entenderán efectuadas aos preceptos correspondentes do texto refundido que aproba o citado Real Decreto Lexislativo 4/2015.

Non serán deducibles:

As contías que supoñan a contraprestación dunha xestión discrecional e individualizada de carteiras de investimento, onde se produza unha disposición dos investimentos efectuados por conta dos titulares conforme aos mandatos conferidos por estes.