Saltar ao contido principal
Manual práctico de Renda 2020

Presentación

A Axencia Estatal de Administración Tributaria ten entre os seus principais obxectivos o de minimizar os custos de cumprimento que deben soportar os cidadáns nas súas relacións coa Facenda Pública.

Fiel a este propósito, e co fin de facilitar aos contribuíntes o cumprimento das súas obrigas tributarias, a Axencia Tributaria pon á súa disposición a edición do Manual Práctico do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) do exercicio 2020, adaptada á linguaxe HTML que foi preparada polo Departamento de Xestión Tributaria.

O Manual responde á intención de divulgar o IRPF a través dunha visión rigorosa, total e actualizada do imposto. Para iso inclúe, ademais da recompilación dos criterios administrativos e xudiciais aplicables no exercicio, a explicación e descrición didáctica do contido do IRPF por materias, temas e conceptos, relacionando cada un deles coas normas que os regulan, ademais de esquemas e cadros que faciliten a comprensión de determinados aspectos técnicos deste ou resumo de criterios así como de supostos prácticos que se consideren útiles para aclarar aquelas cuestións que revisten dúbidas ou que impliquen unha maior complexidade.Así mesmo, o manual contén información relativa á cumprimentación do modelo do IRPF que se aproba cada ano e ás novidades que se introducen nel ou na campaña de presentación das declaracións do IRPF.

Constitúe, en calquera caso e no marco da campaña de Renda 2020, unha boa oportunidade para os que desexen afondar no coñecemento do imposto.

Por outra parte, a súa confección neste formato dixital HTML persegue alcanzar tres obxectivos básicos que viñan sendo reiteradamente demandados polos contribuíntes.

O primeiro é a súa accesibilidade Web, é dicir, lograr que o acceso a este sexa posible polo máximo número de persoas, independentemente dos seus coñecementos ou capacidades persoais ou físicas e independentemente das características técnicas do equipo utilizado para acceder á Web.

O segundo, posibilitar e poñer a disposición dos contribuíntes de forma simultánea os contidos do Manual noutros idiomas ou linguas cooficiais.

O terceiro e último obxectivo é o de optimizar a utilización do seu contido, isto é, unha explotación eficaz do contido do Manual que evite a duplicidade de documentos na Web da Axencia Tributaria sobre os mesmos temas, reducindo o exceso de almacenamento e a necesidade de estar a actualizar unha pluralidade de documentos comparativamente coincidentes.

As vantaxes que achega o Manual en HTML e a necesidade de evitar discrepancias entre os contidos das versións en papel (foto fixa nun momento concreto) e en HTML do Manual levou a tomar a decisión de suprimir para esta campaña o manual práctico de renda en papel e manter unicamente a versión en HTML.Nesa decisión, tivo un peso moi significativo a nova funcionalidade que se incorpora na versión HTML de xerar un arquivo en formato PDF do contido do Manual.Este documento PDF, que tanto pola súa estética visual (moi parecida á do manual en papel) como por permitir a súa impresión en papel se así se desexa, cobre a demanda que puidesen formular os contribuíntes afeitos a manexar a edición imprimida.

Departamento de Xestión Tributaria