Concepto e ámbito de aplicación
Normativa: Art. 92.1 e 2 Lei IRPF
As cantidades percibidas directamente polo contribuínte pola cesión do dereito á explotación da súa imaxe ou do consentimento ou autorización para a súa utilización teñen a con sideración de rendementos do capital mobiliario, tal e como se comentou no Capítulo 5, incluso cando as devanditas cantidades sexan satisfeitas pola persoa ou entidade á que o contribuínte presta os seus servizos.
Porén, cando as devanditas retribucións se perciban por persoas ou sociedades cesionarias do dereito á explotación da imaxe ou do consentimento ou autorización para a súa utilización, xorde o réxime especial de imputación de rendas pola cesión do dereito de imaxe en cuxa virtude o cedente de tales dereitos debe imputar as rendas na parte xeral da súa base impoñible do IRPF.
Para que resulte aplicable o réxime especial de imputación de rendas pola cesión de dereitos de imaxe, deben cumprirse todas e cada unha das seguintes circunstancias:
-
Que o contribuínte titular do dereito de imaxe cedese o dereito á explotación da súa imaxe ou consentise ou autorizado a súa utilización a outra persoa ou entidade, residente ou non residente, denominada primeira cesionaria.
Con esta finalidade, resulta indiferente que a cesión, consentimento ou autorización, tivese lugar cando a persoa física non fose contribuínte polo IRPF.
-
Que o contribuínte preste os seus servizos a unha persoa ou entidade, residente ou non residente, no ámbito dunha relación laboral.
-
Que a persoa ou entidade coa que o contribuínte manteña a relación laboral, ou calquera outra persoa ou entidade vinculada con elas nos termos do artigo 18 da LIS, obtivese, mediante actos concertados con persoas ou entidades residentes ou non residentes, a cesión do dereito á explotación ou o consentimento ou autorización para a utilización da imaxe da persoa física, denominada segunda ou última cesionaria.
-
Que os rendementos do traballo obtido no período impositivo polo contribuínte titular do dereito de imaxe sexan inferiores ao 85 por 100 da suma dos citados rendementos máis a total contraprestación a cargo da persoa ou entidade coa que o contribuínte mantén a relación laboral e que obtivo a cesión dos dereitos de imaxe.