1. Beneficiarios e aportantes
Beneficiarios
A Lei 41/2003, do 18 de novembro, de protección patrimonial das persoas con discapacidade e de modificación do Código Civil, da Lei de Enxuizamento Civil e da Normativa Tributaria con esta finalidade (BOE do 19), cuxo obxecto é regulares novos mecanismos de protección patrimonial das persoas con discapacidade, creou a figura do patrimonio especialmente protexido, que queda inmediata e directamente vinculado á satisfacción das necesidades vitais das persoas con discapacidade. Así mesmo, a citada Lei establece un conxunto de medidas tendentes a favorecer a constitución dos devanditos patrimonios e a achega, a título gratuíto, de bens e dereitos aos mesmos.
Poden ser titulares dos patrimonios protexidos exclusivamente as persoas afectadas polos seguintes graos de discapacidade:
-
Discapacidade psíquica igual ou superior ao 33 por 100.
-
Discapacidade física ou sensorial igual ou superior ao 65 por 100.
Aportantes
Debe destinguirse entre:
1. Contribuíntes cuxas achegas dan dereito á redución no IRPF
Darán dereito a reducir a base impoñible xeral do IRPF do aportante , as achegas ao patrimonio protexido da persoa con discapacidade efectuada, en diñeiro ou en especie, polos seguintes contribuíntes:
-
Os que teñan coa persoa discapacitada unha relación de parentesco en liña directa ou colateral ata o terceiro grao inclusive.
-
O cónxuxe da persoa con discapacidade.
-
Os que tivesen ao seu cargo á persoa con discapacidade en réxime de tutela ou acollemento.
2. Contribuíntes cuxas achegas non dan dereito á redución no IRPF
Non xeran dereito a redución as seguintes achegas:
-
As achegas de elementos afectos á actividade efectuada polos contribuíntes do IRPF que realicen actividades económicas.
-
As achegas respecto das que o aportante teña coñecemento, á data de devindicación do imposto, que foron obxecto de disposición polo titular do patrimonio protexido.
-
As achegas efectuadas pola propia persoa con discapacidade titular do patrimonio protexido.