2. Conceptos deducibles e base da dedución
Normativa: véxanse os artigos 17 e 18 Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.
As modalidades de doazóns que dan dereito á dedución e a base da mesma son as seguintes:
-
Donativos monetarios. A base da dedución está constituída polo importe do donativo.
-
Donativos ou doazóns de bens ou dereitos. A base da dedución será o valor contable que os citados bens ou dereitos tivesen no momento da súa transmisión e, no seu defecto, o valor determinado conforme ás normas do Imposto sobre o Patrimonio.
-
Cotas de afiliación a asociacións, distintas dos partidos políticos, que non se correspondan co dereito a percibir unha prestación presente ou futura. A base da dedución está constituída polo importe das cotas.
-
Constitución do dereito real de usufruto sobre bens, dereitos ou valores, realizadas sen contraprestación. Nestes supostos, a base de dedución estará constituída por:
-
Usufruto sobre bens inmobles. O 2 por 100 do valor catastral do inmoble cada ano de duración do usufruto, determinandose proporcionalmente ao número de días que corresponda en cada período impositivo.
-
Usufruto sobre valores. O importe anual dos dividendos ou intereses percibidos polo usufrutuario en cada un dos períodos impositivos de duración do usufruto.
-
Usufruto sobre outros bens ou dereitos. O importe anual resultante de aplicar o xuro legal do diñeiro en cada exercicio ao valor do usufruto no momento da súa constitución conforme ás normas do Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados.
-
-
Donativos ou doazóns de bens que formen parte do Patrimonio Histórico Español ou de bens culturais de calidade garantida. En ambos os dous supostos, a base da dedución será a valoración efectuada para ese fin pola Xunta de cualificación, valoración e exportación.
O valor determinado de acordo coas regras anteriores ten como límite máximo o valor normal de mercado do ben ou dereito transmitido no momento da súa transmisión.
Atención: o artigo 23.1 da Lei 49/2002 declara que estarán exentas do IRPF que grave a renda do doador ou aportante as ganancias patrimoniais e as rendas positivas que se poñan de manifesto con motivo dos donativos, doazóns e achegas a que se refire o artigo 17 desa mesma Lei.