Requisitos comúns para a aplicación das deducións
Base e límite máximo da dedución
A base e o límite máximo das deducións previstas nos apartados anteriores será de 9.040 euros, de acordo cos requisitos e circunstancias previstas na normativa estatal do IRPF para a dedución por investimento en vivenda habitual vixente a 31 de decembro de 2012 e estará constituída polas cantidades satisfeitas para a adquisición ou rehabilitación da vivenda, incluídos os gastos orixinados que corresen a cargo do adquirente e, no caso de financiamento alleo, a amortización, os intereses, o custo dos instrumentos de cobertura do risco de tipo de xuro variable dos préstamos hipotecarios regulados no artigo décimo noveno da Lei 36/2003, do 11 de novembro, de medidas de reforma económica, e demais gastos derivados da mesma. En caso de aplicación dos citados instrumentos de cobertura, os intereses satisfeitos polo contribuínte minoraranse nas cantidades obtidas pola aplicación do citado instrumento.
Outras condicións para a aplicación da dedución
-
Nos supostos de nulidade matrimonial, divorcio ou separación xudicial, o contribuínte poderá seguir practicando estas deducións, polas cantidades satisfeitas no período impositivo para a adquisición de que foi durante a vixencia do matrimonio a súa vivenda habitual, sempre que continúe tendo esta condición para os fillos comúns e o proxenitor en cuxa compañía queden.
-
Cando se adquira unha vivenda habitual gozando da dedución por adquisición doutras vivendas habituais anteriores, non se poderá practicar dedución pola adquisición ou rehabilitación da nova en tanto as cantidades investidas na mesma non superen as investidas nas anteriores, na medida en que fosen obxecto de dedución.
Cando o alleamento dunha vivenda habitual xerase unha ganancia patrimonial exenta por reinvestimento, a base de dedución pola adquisición ou rehabilitación da nova minorarase no importe da ganancia patrimonial á que se aplique a exención por reinvestimento. Neste caso, non se poderá practicar dedución pola adquisición da nova mentres as cantidades investidas na mesma non superen tanto o prezo da anterior, na medida en que fose obxecto de dedución, como a ganancia patrimonial exenta por reinvestimento.
-
Así mesmo, considerarase rehabilitación de vivenda habitual a que cumpra os requisitos e circunstancias fixadas pola normativa estatal do IRPF vixente a 31 de decembro de 2012, en concreto, as obras que se realicen na mesma que cumpran calquera dos seguintes requisitos:
-
Que se trate de actuacións subvencionadas en materia de rehabilitación de vivendas nos termos previstos no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo polo que se regula o Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, ou Plan que o substitúa.
-
Que teñan por obxecto principal a reconstrución da vivenda mediante a consolidación e o tratamento das estruturas, fachadas ou cubertas e outras análogas sempre que o custo global das operacións de rehabilitación exceda do 25 por 100 do prezo de adquisición se se efectuase esta durante os dous anos inmediatamente anteriores ao inicio das obras de rehabilitación ou, noutro caso, do valor de mercado que tivese a vivenda no momento do devandito inicio. Con esta finalidade, descontarase do prezo de adquisición ou do valor de mercado da vivenda a parte proporcional correspondente ao chan.
-
Importante: as deducións por investimento en vivenda habitual protexida e por investimento en vivenda habitual por mozas comentadas anteriormente son incompatibles entre si.