Saltar ao contido principal
Manual práctico de Renda 2021.

Por obras de rehabilitación enerxética e reforma da vivenda habitual

Normativa: Art. 14 bis  Texto Refundido das disposicións legais vixentes ditadas pola Comunidade Autónoma das Canarias en materia de tributos cedidos, aprobado por Decreto-lexislativo 1/2009, do 21 de abril.

Véxase tamén a disposición adicional primeira do Decreto lei 12/2021, do 30 de setembro, polo que se adoptan medidas tributarias, organizativas e de xestión como consecuencia da erupción volcánica na illa da Palma (BOC 01-10-2021- BOE 25-11-2021)

Erupción volcánica da Palma: de acordo con disposición adicional primeira do Decreto lei 12/2021, NON se perderá o dereito ás deducións practicadas na cota íntegra autonómica do IRPF polas cantidades satisfeitas por este concepto, a pesar de que as vivendas habituais fosen destruídas pola erupción volcánica da Palma, podendo continuar aplicando esta dedución polas cantidades que puidesen seguir aboando.

Contía da dedución

O 10 por 100, das cantidades destinadas ás obras de rehabilitación enerxética na vivenda habitual do contribuínte.

Límites máximos da dedución

  • O importe desta dedución non poderá exceder o 10 por 100 da cota íntegra autonómica, recadro [0546] da declaración.

  • Ademais, a suma do importe desta dedución canda o das deducións autonómicas “Por cantidades destinadas polos seus titulares á restauración, rehabilitación ou reparación de bens inmobles declarados de Interese Cultural”, “Por investimento en vivenda habitual” e “Por obras de adecuación da vivenda habitual por persoas con discapacidade" non poderá exceder o 15 por 100 da cota íntegra autonómica,  recadro [0546 ] da declaración.

Requisitos e outras condicións para a aplicación da dedución

  • A vivenda habitual deberá ser propiedade do contribuínte.

    Importante: non darán dereito a practicar esta dedución as obras realizadas en prazas de garaxe, xardíns, parques, piscinas e instalacións deportivas e outras elementos análogos.

  • Aos efectos da presente dedución entenderase por obras de rehabilitación enerxética as destinadas á mellora do comportamento enerxético das edificacións reducindo a súa demanda enerxética, ao aumento do rendemento dos sistemas e instalacións térmicas ou á incorporación de equipos que utilicen fontes de enerxía renovable.

    Tamén terán tal consideración, as de mellora das instalacións de subministración e instalación de mecanismos que favorezan o aforro de auga, así como a implantación de redes de saneamento separativas no edificio e outros sistemas que favorezan a reutilización das augas grises e pluviais no mesmo edificio ou na parcela ou que reduzan o volume de vertedura ao sistema público de rede de sumidoiros.

    Atención: non xerarán dereito á presente dedución as cantidades destinadas a mobiliario ou a electrodomésticos.

  • No suposto de edificacións en réxime de propiedade horizontal en que a obra de rehabilitación enerxética sexa contratada pola comunidade de propietarios, o importe do gasto imputarase aos diferentes propietarios con dereito a dedución en función da súa cota de participación.

  • A obra de rehabilitación enerxética deberá acreditarse mediante os certificados de cualificación enerxética, nos termos establecidos no Real decreto 235/2013, do 5 de abril, polo que se aproba o procedemento básico para a certificación da eficiencia enerxética dos edificios, debidamente inscritos no Rexistro de certificados de eficiencia enerxética de edificios da Consellaría competente en materia de industria, en que conste o certificado obtido antes da realización das obras rehabilitación enerxética e o expedido tras as mesmas.

Base da dedución

  • A base da dedución estará constituída polas cantidades satisfeitas, mediante tarxeta de crédito ou débito, transferencia bancaria, cheque nominativo ou ingreso en contas en entidades de crédito, ás persoas ou entidades que realicen as obras.

    En ningún caso darán dereito a practicar esta dedución as cantidades satisfeitas mediante entregas de diñeiro de curso legal.

  • A base máxima anual desta dedución será de 7.000 euros por contribuínte.

Xustificación documental

  • O gasto das obras de rehabilitación enerxética deberase xustificar a través de factura que debe cumprir todas as condicións establecidas no Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación aprobado polo Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro.

  • No suposto de edificacións en réxime de propiedade horizontal en que a obra de rehabilitación enerxética sexa contratada pola comunidade de propietarios, esta certificará o importe do gasto imputable a cada vivenda e que foi efectivamente satisfeito polo propietario no período impositivo.

  • A factura recibida polo contribuínte, ou se é o caso a certificación emitida pola comunidade de propietarios, deberá conservarse durante o prazo de prescrición, admitindose copia da mesma no suposto de que dous ou máis contribuínte teñan dereito á dedución e non opten, ou non poidan optar, pola tributación conxunta.

Incompatibilidade

A presente dedución é incompatible coa dedución autonómica “Por cantidades destinadas polos seus titulares á restauración, rehabilitación ou reparación de bens inmobles declarados de Interese Cultural” e coa dedución autonómica “Por investimento en vivenda habitual”, non podendo aplicarse sobre as mesmas cantidades ambas as dúas deducións.