Base liquidable
Reducións da base impoñible xeral
Reducións por achegas e contribucións a sistemas de previsión social
-
Achegas anuais máximas (agás para seguros colectivos de dependencia) e l ímite máximo conxunto de redución
Redúcese de 8.000 a 2000 euros anuais o límite xeral de redución aplicable na base impoñible polas achegas e contribucións a sistemas de previsión social, aínda que se prevé que o novo límite poida incrementarse en 8.000 euros máis para as contribucións empresariais.
As achegas propias que o empresario individual realice a plans de pensións de emprego ou a mutualidades de previsión social, de que, pola súa parte, sexa promotor e partícipe ou mutualista, así como as que realice a plans de previsión social empresarial ou seguros colectivos de dependencia de que, pola súa parte, sexa tomador e asegurado, consideraranse como contribucións empresariais, para os efectos do cómputo deste límite.
-
Réxime transitorio. Exceso de achegas realizadas e non reducidas nos exercicios 2016-2020
Establécese un réxime transitorio que permite que, no caso de que entre as cantidades pendentes de reducir procedentes dos exercicios 2016 a 2020 existan achegas realizadas polo contribuínte e contribucións imputadas polo promotor, enténdase que as cantidades pendentes de redución corresponden a contribucións imputadas polo promotor, co límite das contribucións imputadas nos devanditos períodos impositivos. O exceso sobre o devandito límite entenderase que corresponde a achegas do contribuínte.
-
Exceso de achegas e contribucións correspondentes ao exercicio
Desde o período 2021 cando no exceso que se produza no exercicio concorran achegas do contribuínte e contribucións imputadas polo promotor, a determinación da parte do exceso que corresponde a unhas e outras realizarase en proporción aos importes das respectivas achegas e contribucións.
-
Achegas a sistemas de previsión social de que sexa partícipe, mutualista ou titular o cónxuxe do contribuínte
Redúcese de 2.500 a 1.000 euros anuais o límite máximo aplicable por achegas a sistemas de previsión social de que sexa partícipe, mutualista ou titular o cónxuxe do contribuínte.
-
Dispoñibilidade anticipada de dereitos consolidados para contribuíntes afectados pola erupción volcánica da illa da Palma
Co obxecto de facilitar que os afectados pola erupción volcánica da illa da Palma poidan atender as necesidades sobrevidas de liquidez, o artigo 11 do Real Decreto-lei 20/2021, do 5 de outubro, polo que se adoptan medidas urxentes de apoio para a reparación dos danos ocasionados polas erupcións volcánicas e para a reconstrución económica e social da illa da Palma (BOE do 6), estableceu, con carácter excepcional e exclusivamente durante o período comprendido entre o 6 de outubro de 2021 e o 5 de xullo de 2022, a posibilidade de que os partícipes de plans de pensións, así como os asegurados dos plans de previsión asegurada e plans de previsión social empresarial e os mutualistas de mutualidades de previsión social poidan dispor anticipadamente en determinados supostos dos seus dereitos consolidados, fixando as condicións e un importe máximo de disposición.