Saltar ao contido principal
Manual práctico de Renda 2021.

Presentación

A Axencia Estatal de Administración Tributaria ten entre os seus principais obxectivos o de minimizar os custos de cumprimento que debe soportar a cidadanía  nas súas relacións coa Facenda Pública.

Fiel a este propósito, e co fin de facilitar aos contribuíntes o cumprimento das súas obrigas tributarias, a Axencia Tributaria pon á súa disposición a edición do Manual Práctico do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) do exercicio 2021, adaptada á linguaxe HTML que foi preparada polo Departamento de Xestión Tributaria.

O Manual responde á intención de divulgar o IRPF  a través dunha visión rigorosa, total e actualizada do   imposto. Para iso inclúe, ademais da recompilación dos  criterios administrativos e xudiciais aplicables no exercicio, a explicación e descrición didáctica do contido do IRPF por materias, temas e conceptos, relacionando cada un deles coas normas que os regulan, ademais de  esquemas e cadros que faciliten a comprensión de determinados aspectos técnicos do mesmo ou resumo de criterios así como de  supostos prácticos que se consideren útiles para aclarar aquelas cuestións que revisten dúbidas ou que impliquen unha maior complexidade. Así mesmo, o manual contén información relativa á formalización do modelo do IRPF que se aproba cada ano e ás novidades que se introducen nel ou na campaña de presentación das declaracións do IRPF.

Constitúe, en calquera caso e no marco da campaña de Renda 2021, unha boa oportunidade para quen desexen profundar no coñecemento do imposto.

Por outra banda, a súa confección neste formato dixital HTML persegue acadar tres obxectivos básicos que viñan sendo reiteradamente demandados polos contribuíntes.

O primeiro é a súa accesibilidade Web, é dicir, lograr que o acceso ao mesmo sexa posible polo máximo número de persoas, independentemente dos seus coñecementos ou capacidades persoais ou físicas e independentemente das características técnicas do equipo utilizado para acceder á Web.

O segundo, posibilitar e pór a disposición dos contribuíntes de forma simultánea os contidos do Manual noutros idiomas ou linguas cooficiais.

O terceiro e último obxectivo é o de optimizar a utilización do seu contido,  isto é, unha explotación eficaz do contido do Manual que evite a duplicidade de documentos na Web da Axencia Tributaria  sobre os mesmos temas, reducindo o exceso de almacenaxe e a necesidade de estar actualizando unha pluralidade de documentos comparativamente coincidentes.

As vantaxes que achega o Manual en HTML e a necesidade de evitar discrepancias entre os contidos das versións en papel (foto fixa nun momento concreto) e en HTML do Manual levou na anterior campaña a tomar  a decisión de suprimir o manual práctico de Renda en papel e manter unicamente a versión en HTML. Nesa decisión  tivo un peso moi significativo a nova funcionalidade que se incorporou na versión HTML de xerar un arquivo en formato PDF do contido do Manual, formato ao que se incorporaron melloras para o desprazamento e navegación por documento na presente campaña. Este documento PDF, tanto pola súa estética visual (moi parecida á do manual en papel) como por permitir a súa impresión en papel se así se desexa, cobre a demanda que poden propor os contribuíntes acostumados a manexar a edición impresa.

Ademais,  para esta campaña, atendendo á petición dun importante número de  contribuíntes  usuarios da aplicación, incluíronse as normas autonómicas do IRPF de cada Comunidade Autónoma mediante ligazóns aos textos consolidados do BOE,  como acontecía xa na normativa estatal. 

Departamento de Xestión Tributaria