18. Indemnizacións satisfeitas polas Administracións Públicas por danos persoais
Normativa: Art. 7.q) Lei IRPF
Están exentas as indemnizacións satisfeitas polas Administracións Publicas por danos persoais como consecuencia do funcionamento dos servizos públicos, cando veñan establecidas de acordo co procedemento previsto, tanto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas que regula nos seus artigos 65, 67, 81, 86.5, 91 e 92 as especialidades propias do procedemento de responsabilidade patrimonial como na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público que, en concreto, destina o seu capítulo IV, artigos 32 a 37, ambos os dous incluídos á regulación do réxime da responsabilidade patrimonial das Administracións Públicas no referente aos seus principios, responsabilidade concorrente, alcance da indemnización, responsabilidade de Dereito Privado, esixencia da responsabilidade patrimonial das autoridades e do persoal ao servizo das Administracións Públicas e responsabilidade penal.
Nota: a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas (BOE do 2 de outubro) e Lei 40/2015, do 1 de outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público (BOE do 2 de outubro), derrogou, con efectos do 2 de outubro de 2016, o Real decreto 429/1993, do 26 de marzo. polo que se aproba o Regulamento dos procedementos das Administracións Públicas en materia de responsabilidade patrimonial.
Importante: os intereses indemnizatorios polo atraso no pagamento correspondente a unha indemnización exenta encóntranse tamén exentos de acordo co que se dispón no artigo 7 da Lei do IRPF. A razón é que os intereses fixados, en canto obriga accesoria, teñen que ter a mesma consideración que o concepto principal de que deriven e cualificarse, nestes supostos, como ganancia patrimonial exenta. Véxase ao respecto a Resolución do Tribunal Económico-administrativo Central (TEAC), do 10 de maio de 2018, Reclamación número 00/05260/2017, recaída en recurso extraordinario de alzada para a unificación de criterio.