Saltar ao contido principal
Manual práctico de Renda 2022.

Por cantidades investidas no alugamento da vivenda habitual

Normativa: Arts. 10 e 2, disposición adicional primeira Lei 5/2021, do 20 de outubro, de Tributos Cedidos da Comunidade Autónoma de Andalucía

Contía e límite máximo da dedución

  • O 15 por 100 das cantidades satisfeitas no período impositivo polo alugamento da vivenda habitual do contribuínte.

  • O importe máximo de dedución será:

    • 600 euros anuais, con carácter xeral, e.

    • 900 euros anuais, no caso de que o contribuínte teña a consideración de persoa con discapacidade.

      Teñase en conta que para estes fins considérase persoa con discapacidade a referida no artigo 3 da Lei 5/2021, do 20 de outubro, de Tributos Cedidos da Comunidade Autónoma de Andalucía.

      E, ademais, de acordo coa disposición transitoria primeira da Lei 5/2021, do 20 de outubro, no caso de persoas cuxa incapacidade fose declarada xudicialmente con anterioridade ao día 1 de xaneiro de 2022, considerarase acreditado un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 por 100 aínda que non acade o devandito grao.

Requisitos e outras condicións para a aplicación da dedución

  • Esta dedución é aplicable unicamente aos seguintes contribuíntes:

    1. Contribuíntes que, á data de devindicación do imposto, non cumprisen os 35 anos de idade .

    2. Contribuíntes que, á data de devindicación do imposto, sexan maiores de 65 anos.

    3. Contribuíntes que, á data de devindicación do imposto, teñan a consideración de vítima de violencia doméstica, vítima do terrorismo ou de persoa afectada.

    En caso de tributación conxunta, algúns destes requisitos deberá cumpriro, polo menos, un do cónxuxes ou, se é o caso, o pai ou a nai no suposto de familias monoparentais

    Para o concepto de familia monoparental véxase o artigo 4  da Lei 5/2021, do 20 de outubro, de Tributos Cedidos da Comunidade Autónoma de Andalucía.

    Así mesmo, teñase en canta que teñen a consideración de vítima de violencia doméstica, vítima do terrorismo e persoa afectada por tal acción, aquelas ás que se refiren os artigos 6 e 7 da mencionada Lei 5/2021, do 20 de outubro, respectivamente.

  • Que a suma das bases impoñibles xerais e do aforro,  recadros [0435] e [0460] da declaración , non supere as seguintes cantidades:

    • - 25.000 euros en tributación individual.

    • - 30.000 euros en tributación conxunta.
  • Que o contribuínte identifique o arrendador ou arrendadora da vivenda facendo constar o seu NIF na correspondente autoliquidación.

    Importante: os contribuíntes con dereito á dedución deberán cubrir o apartado "Información adicional á dedución autonómica por arrendamento" do Anexo B.8 da declaración en que, ademais dos datos necesarios para cuantificar a dedución, deberá facerse constar o NIF/NIE do arrendador da vivenda e, se existe, do segundo arrendador ou, se é o caso, se consignou un NIF doutro país, marcarase unha X no recadro correspondente.

  • A dedución practicarase polo titular ou titulares do contrato de arrendamento.

    En caso  de matrimonio, calquera que sexa o seu réxime económico matrimonial,  só serán deducibles as cantidades que satisfaga o cónxuxe asinante do contrato de arrendamento e, en consecuencia ,  as cantidades que satisfaga o cónxuxe que non figura no contrato non dan dereito á  devandita dedución por non ser arrendatario.  Véxase ao respecto a Sentenza do Tribunal Supremo  núm. 220/2009, do 3 de abril (Sala do Civil), recaída no recurso de casación núm. 1200/2004 (ROJ: STS 2464/2009)

  • Cando haxa máis dun contribuínte con dereito á aplicación da dedución , cada un deles aplicaraa sobre a base das cantidades que satisfixese, co seu propio límite máximo de 600 euros ou de 900 euros anuais, no caso en que o contribuínte teña a consideración de persoa con discapacidade, sen que proceda o seu rateo por non estar previsto na normativa.

  • En caso de tributación conxunta, a dedución aplicarase sobre as cantidades satisfeitas por ambos os dous contribuíntes sempre que polo menos un deles cumpra os requisitos, co límite máximo de 600 euros por declaración, elevandose este límite a 900 euros anuais cando algún do cónxuxes teña a consideración de persoa con discapacidade.

  • O contribuínte pode aplicar a dedución autonómica por alugamento e a dedución por investimento en vivenda habitual no mesmo exercicio impositivo, sempre que ambas as dúas vivendas cumpran o establecido co artigo 2 da Lei 5/2021 para ser consideradas como vivenda habitual.

    Exemplos:

    1. Contribuínte que vive de alugamento desde setembro de 2017 nunha vivenda e adquire outra en maio de 2022, mudándose á mesma nesa data. Se cumpre os requisitos do artigo 2 da Lei 5/2021, do 20 de outubro, isto é, se a vivenda constituíu ou vai constituír a súa residencia durante un prazo continuado de, polo menos, tres anos, pódese deducir por ambas as dúas no período impositivo.

    2. Contribuínte que vive de alugamento desde setembro de 2021 nunha vivenda e adquire outra en maio de 2022, mudándose nesa data. O requisito do artigo 2 da Lei 5/2021 de que constitúa a súa residencia durante un prazo continuado de, polo menos, tres anos, só podería cumprirse no caso da vivenda adquirida polo que só poderase deducir pola segunda.

Atención: desaparece con respecto á dedución aplicable en 2021 o requisito de que se acredite a constitución do depósito obrigatorio da fianza a que se refire o artigo 36 da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de Arrendamentos Urbanos (BOE do 25 de novembro), a favor da Comunidade Autónoma de Andalucía, de acordo coa normativa autonómica de aplicación.